Falece o empresario grovense José Ángel Franco Álvarez, vencellado á Festa do Marisco

Coñecido coma Jose 'Masa', foi proveedor da Festa do Marisco, na que este ano non puido participar por motivos de saúde
José Ángel Franco. DS
photo_camera José Ángel Franco. DS

En plena celebración da LX edición dunha exitosa Festa do Marisco, O Grove chora a perda do empresario local José Ángel Franco Álvarez, máis coñecido como Jose 'Masa', falecido este venres despois de padecer unha enfermidade, aos 52 anos.

Franco Álvarez era un veciño moi querido na localidade, ao que o propio alcalde, Jose Cacabelos, quixo adicar unhas palabras. "Gustaríame que estas palabras servisen como unha merecida homenaxe. O sector turístico, hostaleiro e de restauración teñen a capacidade de ofertar os seus produtos grazas a que hai unha cadea de valor importante cos proveedores. E Jose, a través da súa empresa Damalim, axudou a toda a nosa industria turística e hostaleira provendo de utensilios de cociña e servizo de mesa ás empresas”, dixo.

Tal e como lembrou o alcalde, "precisamente por iso, Jose Masa estaba moi ligado á Festa do Marisco. De feito, foi o noso proveedor ata este ano, no que xa non participou por motivos de saúde. A Festa do Marisco que estes días desfrutamos non se entendería sen os proveedores e, concretamente, sen xente como Jose. Vaia por diante a nosa lembranza diaria nesga edición tan especial. Jos, botarémoste en falta”, finalizou o rexedor.

O Concello quixo amosar así o seu pesar e loito polo pasamento dunha persoa "importante para a Festa do Marisco xusto cando se está a celebrar unha edición moi especial para todos e todas nós".