A Xunta destinará 4,7 millóns en 2023 para proxectos de eficiencia enerxética

A empresa Eventos Señoráns levoy a cabo melloras na iluminación a través do prograba Bono Enerxía Peme
Pazo Señoráns. MEIS
photo_camera Pazo Señoráns. MEIS

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, visitou esta semana en Meis as instalacións da empresa Eventos Señoráns, que realizou melloras de iluminación, cofinanciadas co programa Bono Enerxía Peme.

En concreto, substituíu toda a iluminación da sala da antiga destilería e do salón de vodas por un sistema led que lle permitirá aforrar o 67% ao ano. A Xunta outorgou 6.000 euros de axuda para un investimento total de 7.948.

Esta empresa é unha das 660 beneficiarias da última convocatoria, que recibirán tres millóns de euros para a mellora enerxética das súas instalacións. O programa vai dirixido a pemes e a autónomos que desenvolven actividades no comercio, hostalería, artístico-recreativas ou outros servizos.

Tal e como explicou o director xeral, a Xunta convocará en 2023 unha nova edición deste programa, ao que destinará 4,7 millóns de euros, e incorporará, tamén, actuacións de asesoramento enerxético. 

Con este tipo de medidas, o Goberno galego subliña que quere estar ao carón de pemes e autónomos para que poidan rebaixar a súa factura eléctrica, favorecendo investimentos no eido da eficiencia enerxética que lles permitan manter a súa competitividade. 

Para lograr este obxectivo, o Instituto Enerxético de Galicia contará en 2023 cun orzamento que medra ata os 80 millóns de euros.