O BNG de Meis aproba por unanimidade a candidatura de Xoán Manuel Vázquez á alcaldía

Acompañarano nesta labor, Sandra Carballa, Presidenta da Asociación o Xaramelo, Serafín Melón, Presidente da Comunidade de Montes da Armenteira e Sandra Fariña, vogal da Comunidade de Montes de San Salvador
O candidato Xoán Manuel Vázquez xunto aos seguintes na lista para as eleccións. DS
photo_camera O candidato Xoán Manuel Vázquez xunto aos seguintes na lista para as eleccións. DS

O Bloque Nacionalista Galego de Meis aprobou por unanimidade a candidatura de Xoán Manuel Vázquez Sevillano á Alcaldía de Meis, que irá seguido na lista por Sandra Carballa Vázquez, Serafín Melón Graña e Sandra Fariña Vilanova.

Xoán Manuel Vázquez repetirá como candidato, cunha organización totalmente cohesionada, para "seguir avanzando en Meis buscando un cambio nas formas de facer política que só pode vir da man dunha Alcaldía do BNG".

Acompañarano nesta labor, Sandra Carballa, Presidenta da Asociación o Xaramelo, Serafín Melón, Presidente da Comunidade de Montes da Armenteira e Sandra Fariña, vogal da Comunidade de Montes de San Salvador

Con estas primeiras persoas aprobadas pola Asemblea Local, o BNG amosa unha lista con xente que coñece moi ben o Concello, e que traballa cóbado con cóbado coa cidadanía desde os máis diferentes ámbitos.

"Dende o BNG temos ideas e proxecto para Meis, sabemos das necesidades da nosa veciñanza que precisa servizos e infraestruturas que permitan desenvolver unha vida plena no noso Concello, así propuxemos o plan de mobilidade con tres eixos fundamentais: mellora do transporte, taxi a demanda e sendas peonís e para bici. Igualmente outra das nosas propostas consiste en aproveitar as festas de Meis, desde Paradela á Armenteira e todas as Igrexas románicas, ambientes naturais e monumentos megalíticos para facer unhas rutas veciñais e turísticas que fagan de Meis un referente mundial", aseguran dende a formación.