Un derbi con aroma a play-off

O Arxil recibe o Cortegada nun partido de rivalidade no que os dous equipos aspiran a dar un paso cara o play-off

 Marga Moreira penetrando a canastra no derbi da primeira volta. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Marga Moreira penetrando a canastra no derbi da primeira volta. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O CB Arxil e o Cortegada afrontan este sábado, no CGTD (19:30 horas) a segunda edición do clásico das Rías Baixas 2023-24. O partido está cargado de alicientes que o converten nunha das citas máis atractivas da fin de semana na Liga Fememina Dos.

O carácter de rivalidade do enfrontamento non é un tema menor, pero tampouco o elemento máis sinalado dun partido que ten o play-off como telón de fondo.

O cadro de Maite Méndez chega á cita despois de perder con claridade contra o Miralvalle Plasencia en terras cacereñas. O resultado deixou un mal sabor de boca por diferentes motivos: o feito de caer diante dun rival directo, a incapacidade para competir e a sensación de que o equipo verde segue a padecer grandes dificultades cada vez que se enfronta a rivais directos polos lugares nobres. O Arxil é tan fiable fronte a adversarios inferiores, sobre o papel, como vulnerable cando se mide aos da súa teórica liga. E esa non é boa mensaxe cando ao final do camiño hai unha promoción de ascenso na que estarán os mellores equipos da competición.

O Arxil chega á cita despois de perder dous partidos seguidos contra dous rivais directos

Malia o resultado en Extremadura, o conxunto de Maite Méndez segue mergullado na zona de play-off. Ocupa o quinto lugar cun balance de nove triunfos e cinco derrotas, as dúas últimas encaixadas de forma consecutiva, para pechar a primeira volta e inaugurar a segunda.

O Cortegada, pola súa banda, chega a Pontevedra despois de perder contra un enganoso Náutico de Tenerife, situado en serio risco de descenso, pero que se reforzou  e mellorou moito nos seus últimos compromisos. O cadro vilagarcián ten un triunfo menos có Arxil e presume de ser quen do mellor e do peor. Os seus resultados así o deixan claro: venceu en Girona contra o GEiEG e en Plasencia contra o último verdugo do Arxil, pero despois perdeu ante adversarios como o propio Náutico de Tenerife ou o Barna, ámbolos dous metidos na guerra pola salvación.

Avecíñase unha notable batalla debaixo dos aros, coa dupla arxilista formada por Heather Forster e a MVP Nerea Liste (da competición e da última xornada) fronte á center senegalesa do Cortegada Diaw Absatou, muller máis valorada do bloque vilagarcián.

No enfrontamento da primeira volta o Arxil gañou en Vilagarcía

A exterior estadounidense Loven é a máxima encestadora e principal amenaza no lanzamento afastado do aro por parte do cadro visitante.

No partido da primeira volta, o CB Arxil conseguíu o seu primeiro triunfo da temporada, cun 51-58 enganoso, xa que as pontevedresas chegaron a mandar por arredor de 20 puntos.

Cun ambiente que se prevé cálido nas bancadas do CGTD, os dous equipos intentarán facerse cun triunfo esencial para ámbolos dous na pelexa polos postos de play-off.