O Plan +Provincia destina máis de 6 millóns aos concellos do Salnés

O presidente Luis López remitiu unha carta aos alcaldes e alcaldesas detallando os recursos que lles corresponden e as principais novidades do plan cuxas bases publicáronse este mércores 3 de xaneiro no Boletín Oficial da Provincia
Reunión entre Luis López e Alberto Varela. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Reunión entre Luis López e Alberto Varela. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Os concellos de Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Ribadumia, Vilagarcía e Vilanova de Arousa recibirán preto de 6 millóns e medio de euros a través do Plan +Provincia da Deputación. O presidente Luis López remitiu este mércores 3 de xaneiro unha carta aos alcaldes e alcaldesas tanto destes como dos restantes concellos de menos de 50.000 habitantes que se benefician do +Provincia detallando os recursos que lles corresponden e as principais novidades do plan, cuxa convocatoria publicouse tamén este mesmo mércores no Boletín Oficial da Provincia logo de ser aprobado no último pleno do 2023. A partir de agora, os concellos terán tres meses para presentar solicitudes.

O plan, elaborado conforme aos principios de reforzo da capacidade inversora, maior autonomía local e atención aos retos comúns de futuro, pretende, tal e como remarcou o presidente na carta remitida aos concellos, “avanzar conxuntamente nun modelo de cooperación e lealdade institucional que permita desenvolver as múltiples potencialidades da provincia”. Con este obxectivo, neste 2024 o plan de obras e servizos da Deputación incrementou a súa dotación en 4,2 millóns de euros, ata alcanzar os 48,2 millóns de euros, que se distribuirán entre os 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia a través de catro liñas. A primeira delas, dotada con 33,74 millóns de euros vai destinada a investimentos; a segunda, con 4 millóns, céntrase no gasto corrente dos concellos; a terceira, de 9,25 millóns, para a activación do emprego e a cuarta e novidosa liña, dotada con 1,2 millóns, para proxectos transformadores relacionados coa mobilidade. 

No caso dos concellos da contorna de Arousa (incluíndo a Valga, Pontecesures e Catoira), os 7.992.129 euros que recibirán os seus concellos permitirán destinar ata 5,6 millóns de euros a novos investimentos, 663.347 euros a gasto corrente, 1,5 millóns de euros a fomentar o emprego e preto de 200.000 euros a proxectos transformadores relacionados coa mobilidade.  Para facilitar a xestión dos recursos, o Plan +Provincia permite flexibilizar o traspaso de crédito entre liñas, de tal forma que poderá traspasarse o 100% das liñas 2,3 e 4 á liña 1; ata o 60% da liña 3 á liña 2; e entre o 30% e con carácter extraordinario ata o 50% da liña 1 á liña 2 de acordo cos requisitos establecidos nas bases publicadas o pasado mércores no Boletín Oficial da Provincia. Ademais, tamén se incorpora por vez primeira o criterio de reto demográfico para ponderar o impacto do envellecemento e a perda de poboación nos últimos dez anos.

En concreto, Cambados recibirá 1.049.443 euros, 68.431 máis que o pasado ano; O Grove 909.417 euros, 83.385 máis que no ano que acaba de rematar; A Illa de Arousa 498.061 euros,  46.105 euros máis; Meaño 569.605 euros, 29.098 máis que con respecto ao ano pasado; Meis 555.066 euros, 38.796 máis que no 2023; Ribadumia 532.879 euros, 26.330 euros máis; Vilagarcía de Arousa 1.482.114 euros, 82.993 euros máis e Vilanova de Arousa 869.827 euros, 79.133 máis que no 2023.