O apalpador visitará sete concellos do Salnés co programa 'Nadal en Galego'

A tradicional figura do Nadal visitará os concellos de Meis, A Illa, Ribadumia, Cambados, Sanxenxo, Meaño e Vilagarcía
O Apalpador da Deputación. DP
photo_camera O Apalpador da Deputación. DP

O Apalpador, a tradicional figura do Nadal na Galiza, visitará este ano sete concellos da comarca do Salnés man da Deputación de Pontevedra grazas á octava edición do programa Nadal en Galego.

Ademais de hoxe en Pontevedra, o Apalpador estará no Salnés o día de Noiteboa, no Concello de Meis ás cinco da tarde. Despois, o 27 de decembro chegará ás 12 da mañá á Illa de Arousa, pasará ás cinco da tarde por Ribadumia e pechará a xornada ás 19.00 en Cambados. Ao día seguinte, mércores 28, estará en Sanxenxo ás cinco da tarde e ás sete en Meaño. Será o día 4 de xaneiro cando estará en Vilagarcía de Arousa ás 12.30 do mediodía. Os percorridos itinerantes do pasarrúas polos centros das vilas estarán marcados por cada un dos concellos.

Como cada ano, a dinamización da lingua, o respecto ao medio ambiente e os hábitos de alimentación saudable, entre outros, serán os valores que fomentará o Apalpador, xunto ao seu compañeiro acordeonista, Servando Barreiro, e o seu burro Río Lor, coas actuacións e os pasarrúas, levando a música, o baile e as anécdotas a todas as comarcas da provincia.

O programa Nadal en Galego foi deseñado tamén para fomentar o coñecemento da tradición de Nadal propia da Galiza e para que as e os máis novos poidan familiarizarse co mítica figura galega e coñecer a súa historia. Na orixe, O Apalpador'representábase como un carboeiro de barba vermella que baixaba das montañas ás vilas para apalpar os bandullos das crianzas e comprobar se comeran suficiente durante o ano, deixando ao seu carón agasallos e castañas.