O PP esixe a Costas que rectifique e autorice a renovación do colector de Tragove a Vilanova

Elena Suárez denuncia que “todo o que chega a ese Ministerio desde Galicia e con referencia ao sector mar-industria se paraliza automaticamente” ▶ Gonzalo Durán pregunta onde están os socialistas da comarca: “Están consentindo que se verta á ría e traballando en contra do sector mar-industria”
Visita as instalacións da depuradora de Tragove esta mañá. DS
photo_camera Visita as instalacións da depuradora de Tragove esta mañá. DS

O Partido Popular presentou unha iniciativa no Parlamento de Galicia para esixir á Dirección Xeral de Costas que rectifique os criterios de valoración aplicados no proxecto de renovación da rede de colectores de augas residuais entre Vilanova de Arousa e a EDAR de Tragove e autorice a execución dos traballos.

Así o anunciaron esta mañá a deputada autonómica Elena Suárez, a voceira e candidata do PP de Cambados, Sabela Fole, e o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, que denunciaron desde a depuradora de Cambados “as importantes deficiencias que ten o colector”. 

Segundo explicou Suárez, desde Augas de Galicia hai un proxecto para reparalo, con orzamento para executalo. Desde Costas de Pontevedra deron a autorización, pero cando o proxecto chegou a Madrid, “co Ministerio de Transición Ecolóxica topamos. Non sei que pasa, que todo o que chega a ese Ministerio desde Galicia e con referencia ao sector mar-industria, se paraliza automaticamente”. Unha decisión que, engadiu, “está danando de xeito importante a un sector fundamental para Galicia e para a nosa provincia, é fundamental que se aprobe esa autorización”.

Nesta mesma liña se manifestou Sabela Fole, que reclama ao Concello de Cambados implicación. “Xa solicitamos que nos informen das alegacións que o Goberno local fixo ante o rexeitamento do Ministerio, queremos saber que accións están levando a cabo. Pedimos que presione con decisión e sen titubeos para que o Ministerio autorice estes traballos. É fundamental que todas as administracións traballemos xuntas, e por iso confiamos en que o Parlamento galego aprobe por unanimidade esta iniciativa”. Ademais, recordou que “estase facendo un investimento importante para mellorar a depuradora pero aquí temos unha tubaxe que xa hai máis de catro anos que ten deficiencias importantes e provoca que estea vertendo á ría de xeito incontrolable”.

Pola súa parte, Gonzalo Durán dixo que “non hai organismo menos ecolóxico que o que está permitindo que se vertan as fecais directamente ao mar. É unha auténtica barbaridade”. E preguntou que están facendo o Concello de Cambados, a Mancomunidade do Salnés ou os deputados nacionais do PSOE nesta provincia. “Onde están? Están consentindo e permitindo que se verta á ría. Traballando en contra da ría e do sector mar-industria. Esta situación afecta a toda a ría, non é un problema exclusivo de Vilanova de Arousa ou de Cambados”. 

Ademais, pediu ao Concello de Cambados que aclare cando remitiu a Costas do Estado a solicitude de permiso para cambiar a tubaxe. “Ten que ter rexistro de saída. A que están xogando? Por que non se pediu o permiso? Si non piden o permiso, temos que crer que están facendo algo por desbloquear esta situación?”

Por último, Elena Suárez dixo que esta actitude do Ministerio do Goberno central contrasta co compromiso da Xunta de Galicia, e recordou que desde o ano 2009 ten en marcha un plan que permitiu a redución dun 25% dos vertidos que van ás rías galegas. Entre esta iniciativa e o plan de saneamento local das rías galegas, o goberno autonómico investiu 1.100M€ para traballar no saneamento das rías.