Cambados participará en Fitur con presentación propia no stand de TourGalicia

O alcalde, Samuel Lago, e a Concelleira Fátima Abal, estarán presentes en varias iniciativas como destino e recollerán o distintivo Q de Calidade concedido á Oficina de Turismo 
CAMBADOS PRESENTACIÓN SAMUEL LAGO. CEDIDA
photo_camera O alcalde Samuel Lago estará acompañado da Concelleira Fátima Abal. CEDIDA

O Concello de Cambados participará un ano máis en Fitur formando parte de varias iniciativas de promoción como destino, nas que estarán presentes o alcalde Samuel Lago e a Concelleira Fátima Abal.

En concreto, entre o mércores 18 e o xoves 19, Lago e Abal asistirán a diversas presentacións nos stands de TourEspaña e TourGalicia nas que a vila de Cambados se integra como destino turístico.

Así, os munícipes cambadeses abrirán a súa axenda o mércores ás 16.30 horas en Fitur Screen, o espazo de turismo cinematográfico onde a Deputación de Pontevedra contará por primeira vez cunha caseta promocional para presentarse como opción para albergar calquera tipo de produción audiovisual. 

Posteriormente, Cambados terá visibilidade dentro do stand da Rede Pobos Máxicos de España -á que está adherido dende 2019- que se presentará en Fitur o mércores 18 ás 17.00 horas. 

As persoas que se acheguen ao stand terán á súa disposición folletos e planos turísticos das diferentes vilas adheridas, das que só catro son galegas: Cambados, Combarro, Portomarín e Ribadavia.

Asimesmo, a través do Pasaporte Máxico a Rede facilita a organización de viaxes, excursións e escapadas ás localidades e municipios integrados.

Pero ademáis, este ano o Concello de Cambados terá presentación propia dentro do stand de TourGalicia, onde o alcalde intervirá o xoves ás 14.00. "O recoñecemento de Interese Turístico Internacional acadado pola Festa do Albariño danos unha gran oportunidade para poder amosar Cambados como lugar para vir e para vivir, tal como se expresa nun dos vídeos que proxectaremos este ano na Feira de Turismo", sinala Samuel Lago.

O audiovisual presenta espectaculares imaxes de Cambados vinculadas á súa historia, ao mar, ás festas, á gastronomía e, por suposto, ao seu viño.

Asimesmo, o Concello estará representado na campaña audiovisual que a Deputación de Pontevedra oferta este ano en Fitur:  Orixe Rías Baixas darase a coñecer ao público de Fitur o xoves 19 ás 17.00 horas no stand de TurEspaña.

Posteriormente, o mesmo día, ás 17.45, Samuel Lago e Fátima Abal acudirán o acto de presentación da Mancomunidade do Salnés que terá lugar no espazo de Galicia.

Neste caso, a vila cambadesa visibilízase como unha das etapas das diferentes rutas xacobeas que ofrece a comarca, enmarcadas neste ano no audiovisual "Camina Conmigo".

Por último, na mesma xornada do xoves, o alcalde e a concelleira asistirán á Gala Q de Calidade que se celebrará ás 21.00 horas no Palacio de Cibeles, "onde recolleremos o distintivo que por primeira vez se concede á Oficina de Turismo de Cambados".