Aberto o prazo de inscrición para os Campamentos Urbanos de Nadal

Impartirase no CEIP Arealonga en horario de mañá, dende o 22 de decembro ao 5 de xaneiro. A inscrición realizarase a través da sede electrónica do Concello ou por Rexistro entre este martes e o 30 de novembro

Luces de Navidad en Vilagarcía durante el año pasado. DP
photo_camera Luces de Navidad en Vilagarcía. DP

Co obxectivo de facilitar a conciliación das familias e favorecer a ocupación do tempo de lecer da rapazada de forma didáctica e saudable, a Concellería de Xuventude volve a organizar este ano os Campamentos Urbanos de Nadal para nenos e nenas de 3 a 7 anos de idade.

O programa desenvolverase coincidindo co período das vacacións escolares, en horario de mañá, e nas instalacións do CEIP Arealonga. Ofértanse un total de 30 prazas totalmente gratuítas. O prazo de inscrición ábrese este martes e pecharase o día 30 deste mesmo mes.

Poderán participar nos Campamentos Urbanos de Nadal os nenos e nenas que teñan nacido entre o 1 de xaneiro de 2016 e o 31 de decembro de 2019 e estean empadroados en Vilagarcía. Para inscribirse, os interesados deberán cubrir o formulario que poden obter no taboleiro de anuncio da web municipal (www.vilagarcia.gal) ou da sede electrónica do Concello (sede.vilagarcia.gal).

A solicitude, xunto coa documentación que se indica no propio formulario, debe presentarse a través da sede electrónica ou, de forma presencial, no Rexistro Xeral do Concello, neste caso, de luns a venres e en horario de 8.30 a 14.30 horas.

Os obradoiros desenvolveranse os días 22, 26, 27, 28 e 29 de decembro e os días 2, 3, 4 e 5 de xaneiro en horario de 9 a 14 horas. A hora de entrada queda fixada de 9 a 9.30 e a de recollida dos nenos e nenas de 13.30 a 14 horas.

A maiores da vertente de conciliación, os Campamentos Urbanos son un programa socioeducativo. Por iso as súas actividades tratan de favorecer as aptitudes sociais e relacionais dos cativos, fomentar a súa creatividade e facilitar o desenvolvemento intelectual baixo a educación en principios como os de igualdade, tolerancia, respecto aos demais, traballo en equipo e coidado do medio ambiente.

Na axenda deste ano inclúense obradoiros artísticos e creativos, manualidades, xogos guiados e libres, entre outras actividades.

Ademais, dado o seu obxectivo de protección da infancia, 6 das prazas resérvanse para ser adxudicadas de forma directa a menores de familias usuarias dos Servizos Sociais do Concello que así o precisen.

As bases que regulan os Campamentos de Nadal están dispoñibles en vilagarcia.gal e en sede.vilagarcia.gal