Vilagarcía anuncia os traballos de renovación na rúa Concepción Arenal

Os traballos xa foron adxudicados á empresa Marconsa por importe de 21.422 euros e un prazo de execución de un mes
Concello de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Concello de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O programa destinado á mellora da rede viaria municipal que está a desenvolver o Concello de Vilagarcía inclúe a obra de renovación da capa de rodadura da rúa Concepción Arenal. 

O Goberno local anuncia que a actuación se levará a cabo a curto prazo, posto que os traballos xa foron adxudicados á empresa Marconsa por importe de 21.422 euros e un prazo de execución de un mes. 

O executivo local incluíu esta rúa nas actuacións a financiar cos remanentes dos orzamentos correspondentes ao exercicio 2022.
Asume a Administración municipal que o firme da rúa Concepción Arenal está moi deteriorado debido a un factor, o paso do tempo, e presenta numerosos desniveis e incluso nalgúns caso obsérvanse fochancas que dificultan o tránsito. 

En consecuencia, os traballos previstos e acordados comezarán co fresado dos tramos do firme nos que é preciso actuar para manter o nivel da rúa. Posteriormente realizarase un varrido mecánico en toda a superficie e a continuación procederase a botar unha nova capa de rodadura. 

Para finalizar, elevaranse as tapas de rexistro dos distintos servizos para deixalas a nivel e se procederá ao pintado de sinalización horizontal (vaos, pasos de peóns, liñas de aparcamentos…).