A Xunta mellora o firme de varias vías autonómicas do Salnés

As obras están a realizarse sobre cinco vías que pasan polos concellos de Caldas de Reis, Meis, Sanxenxo, Barro, Pontevedra, Poio, Vilagarcía e O Grove
Agustín Reguera durante a súa visita a Carril. DS
photo_camera Agustín Reguera durante a súa visita a Carril. DS

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o concello de Vilagarcía de Arousa. En concreto, a zona de Carril por onde pasa unha das estradas nas que a Xunta está a desenvolver unha actuación de mellora do firme. A dita actuación beneficia a varias estradas que pasan polos  concellos de Caldas, Meis, Sanxenxo, Barro, Pontevedra, Poio, Vilagarcía e O Grove e conta cun investimento da Xunta de máis de dous millóns de euros. 

A actuación está a mellorar a VG-4.1; a VG-4.7; a AG-4.1; a PO-531 e a PO-306. En concreto estase a reparar o firme mediante fresado e reposición das zonas deterioradas. Ademais, a actuación contempla a aplicación dunha nova capa de rodaxe nalgúns tramos. As obras serán aproveitadas para repoñer a pintura da calzada, así como os símbolos e cebreados en todo o tramo de actuación. Desta forma preténdese mellorar a seguridade dos miles de condutores que cada día circulan por estas vías.

En concreto, na zona visitada polo delegado territorial, a VG-4.7, estase a traballar en toda a lonxitude da estrada, desde o quilómetro 0+000 ata o 7+540. A primeira fase de fresado, que retirou unha capa de preto de cinco centímetros de espesor, deu lugar á reposición do firme debidamente aplicado e que deixou a estrada lista para o tránsito. Actualmente as obras atópanse na última fase.