Alberto Varela reúnese co xefe da Comisaría Provincial de Pontevedra

Díaz Jiménez, que estivo hai uns anos ao fronte da Comisaría vilagarciá, comentou co alcalde as estatísticas que demostran que Vilagarcía é unha cidade segura
2022 12 14 Reunion Alcalde Comisario Provincial PN 01
photo_camera O alcalde recibiu a José María González na Casa Consistorial. CONCELLO

O alcalde, Alberto Varela, e o concelleiro de Seguridade Cidadá, José María González, recibiron esta mañá ao xefe da Comisaría Provincial de Pontevedra, Juan José Díaz Jiménez, na que foi a súa primeira visita institucional á cidade dende que foi nomeado responsable da Policía Nacional na provincia o pasado mes de xullo. Na reunión analizouse a situación do municipio en canto a seguridade cidadá en base ás estatísticas de criminalidade elaboradas polo Ministerio, que seguen demostrando que Vilagarcía é unha cidade tranquila e segura, segundo concluíron o comisario provincial e os munícipes.

Pese a tratarse dunha reunión de carácter institucional, o encontro desenvolveuse de xeito distendido xa que tanto o alcalde como o concelleiro xa coñecían persoalmente a Díaz Jiménez do seu paso pola Comisaría de Vilagarcía, ao fronte da cal permaneceu durante uns meses hai uns anos. Precisamente, este coñecemento directo e a fondo da realidade do municipio en materia de seguridade cidadá e do tipo de incidencias que aquí se rexistran danlle aínda máis peso ás afirmacións de que Vilagarcía é unha cidade segura en xeral e, especialmente, si se comparan as estatísticas de conflitividade ou criminalidade con outros municipios galegos e incluso nacionais.