A reordenación do mercado e a circulación en Arcebispo Lago entran en vigor o martes

O concello de Vilagarcía establece unha circulación ordinaria e outra extraordinaria, reservada únicamente aos días de mercado
Rúa Arcebispo Lago de Vilagarcía. GSV
photo_camera Rúa Arcebispo Lago de Vilagarcía. GSV

A nova ordenación do mercado ambulante de Vilagarcía, coa que se instalarán algúns postos na rúa Arcebispo Lago, entra en vigor o martes e, con ela, a nova regulación do tráfico nesta vía, recentemente peonalizada, e en todas as rúas que conectan con ela, como é o caso de Brandariz, Castelao, O Castro e Conde de Vallellano.

Deste xeito, establécese unha circulación ordinaria e outra extraordinaria, esta reservada únicamente aos días de mercado (normalmente, martes e sábados, xa que estes días poden variar en festivos). En todos os casos, só se admitirá a circulación dos vehículos ligados aos oitos garaxes da zona, á carga e descarga nos horarios establecidos e aos servizos de emerxencias, sanidade e seguridade. En todos os demais casos, a circulación estará probibida.

No caso da circulación ordinaria, o acceso será por Alexandre Bóveda e os vehículos poderán virar á esquerda (O Castro e Desengano, onde hai dous vaos), á dereita (para acceder ao garaxe existente en Castelao) ou ben seguir recto (Arcebispo Lago, con cinco garaxes). En todos os casos, a saída será sempre por Conde de Vallellano.

En canto á circulación extraordinaria, en vigor únicamente os días de mercado ata as  17.00 horas, a entrada e saída dos vehículos autorizados farase por Conde de Vallellano. Cabe lembrar que, sexa ordinaria ou extraordinaria, o horario de carga e descarga é de 07.00 a 11.00 e de 15.00 a 18.00 horas.

A semana pasada, o concello xa distribuíu carteis e folletos nos edificios afectados, explicando a nova ordenación. Ademais dun infográfico, na comunicación lémbrase que coa humanización de Arcebispo Lago gañáronse preto de 2.000 metros cadrados para o uso peonil, pero que, ao mesmo tempo, hai que ter en conta as necesidades dos servizos de emerxencias, o respecto aos dereitos dos residentes, para acceder aos seus garaxes e vivendas, e os comerciantes e hostaleir4os, que dan vida ás rúas e prazas. Por iso, o tráfico de vehículos será inevitable aínda que restrinxido.

O Concello confía en que os residentes e propietarios de establecementos cumpran estrictamente con estas normas de ordenación, pero, igualmente, o resto dos cidadáns, que en ningún caso poderán facer uso destas vías cos seus vehículos.