Premiados os proxectos de igualdade dos CEIP de Rubiáns, Piñeiriño e A Lomba

Un recoñecemento as boas prácticas educativas que se desenvolven nos centros para conseguir a igualdade entre homes e mulleres
Os premiados no Salón Nobre do Concello.
photo_camera Os premiados no Salón Nobre do Concello. DP

Os traballos do CEIP Plurilingüe de Rubiáns, o CEIP Vilaxoán-ANPA San Martiño e o CEIP A Lomba foron os tres mellores proxectos educativos dos sete presentados á convocatoria dos Premios pola Igualdade na Escola, concedidos pola Área de Igualdade e entregados no Salón Nobre do Concello. O descubrimento de mulleres artistas obviadas na historia, a presión que sofren as mulleres polos canons de beleza e o respecto á diversidade foron algúns dos temas abordados durante o curso polas tres comunidades educativas a través de diversas actividades. A concelleira de Igualdade, Tania García, xunto co edil de Educación, Miro Serén e a representante do Consello Local da Muller, Susana Coello, foron os encargados de entregar os cheques de 500 euros cos que está dotado cada un dos tres premios concedidos.

A través destes galardóns, a Área de Igualdade-CIM pretende recoñecer e dar visibilidade ás boas prácticas educativas que se desenvolvan nos centros educativos do municipio coa finalidade de conseguir a igualdade entre homes e mulleres, a igualdade de trato e a non discriminación por razón de identidade ou orientación sexual. Tamén a aquelas cuxo obxectivo sexa identificar e rexeitar os estereotipos sexistas que contribúen ao mantemento da violencia machista.

Mulleres con moita arte é o título do proxecto do colexio de Rubiáns que se dirixiu a toda a comunidade educativa. O obxectivo era descubrir mulleres artistas que a sociedade e mesmo os libros de Historia do Arte deixaron no esquecemento pese a ser figuras destacadas na súa época. De xeito transversal en tódalas actividades do curso, e a través de accións específicas, traballaron para coñecer a vida, a obra e as dificultades que por razón de xénero se atoparon estas mulleres no camiño.

Elaboración de biografías e mini libriños, poemas, xogos, lecturas coeducativas, exposicións, charlas de mulleres e sobre mulleres, homenaxes a científicas e a realización dun muro reivindicativo no centro foron algunhas das iniciativas desenvolvidas.

O proxecto coeducativo presentado polo CEIP Vilaxoán e a ANPA San Martiño levaba por título As mulleres no camiño e máis alá. O obxectivo do mesmo era sensibilizar en igualdade de xénero a toda a comunidade educativa, transformar as relacións entre nenos e nenas nun marco equitativo, tratar de visibilizar as desigualdades das mulleres e aceptar todas as identidades sexuais con tolerancia e respecto. Dentro deste marco, traballouse especialmente na violencia e na presión que sofren ás mulleres en relación aos canons de beleza.


A práctica desenvolveuse mediante a lectura de libros e contos, actividades grupais, charlas informativas sobre identidades de xénero, concursos de novas masculinidades no fogar, proxectos de igualdade na radio escolar, análise das letras de cancións, empréstamo de libros feministas, xogos coeducativos, a visibilización de mulleres científicas e co traballo das emocións como ferramenta para loitar contra a violencia machista.

Camiño á igualdade é o proxecto polo que se premiou ao CEIP A Lomba e que se desenvolveu nas aulas deste centro e nas do Anexo. O fío condutor deste traballo era promover a tolerancia e o respecto pola diversidade, asumindo que se trata dun tema de Dereitos Humanos. Todas as etapas educativas traballaron nestes aspectos realizando, entre outras actividades, marchas en contra da violencia machista, spots publicitarios que circularon nas redes, reparto de pulseiras e adhesivos deseñados polo alumnado, exposicións e charlas relacionadas coa muller e a ciencia e proxección de películas. Tamén elaboraron un libro que recolle as biografías de mulleres de Vilagarcía e crearon un xogo educativo inspirado no popular Quen é quen?.