Vilagarcía avalía as propostas de sete empresas para reformar o mercado de Vilaxoán

As melloras a realizar pretenden dinamizar o mercado atraendo máis postos de venda e outras actividades complementarias
Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O prazo de presentación de ofertas para executar a obra de Reforma do Mercado de Vilaxoán promovida polo Concello de Vilagarcía pechouse este mércores co resultado de sete empresas presentadas á licitación.

A Mesa de Contratación reunirase nos vindeiros días para avaliar as propostas de cara a adxudicar os traballos cos que se pretende modernizar a Praza de Abastos para adaptala aos actuais requirimentos dos espazos dedicados á venda de alimentos e tamén á normativa de accesibilidade.

A actuación precisa dun investimento de 210.827 euros que se financian a través do Plan Concellos da Deputación e dos fondos europeos das EDUSI.

A Concellería de Promoción Económica promove o proxecto que se inclúe no programa Vilagarcía Avanza, no marco da liña de actuación relativa á Recuperación de Mercados Tradicionais. O obxectivo da actuación é dinamizar a actividade comercial no mercado público vilaxoanés mediante o acondicionamento e a optimización do espazo, de xeito que gañe en funcionalidade para os concesionarios e para que as melloras inviten a atraer novos públicos e actividades.

Trátase dunha reforma integral, que afectará tanto ao interior do inmoble –incluída a renovación das instalacións eléctrica e de fontanería-, como ao exterior, mellorado a imaxe do edificio. O prazo de execución das obras é de 5 meses.

A actuación no exterior do edificio centrarase na mellora da imaxe e en resaltar a Praza con elementos e cores inspirados no mar (branco e azul). Tanto por estética coma por funcionalidade, cambiaranse as portas e se pintará todo o edificio de branco. A intervención completarase coa instalación na fachada principal do edificio –a que da ao parque de Dona Concha- dun cartel retroiluminado co nome da Praza que se colocará sobre un fondo cuberto cunha reixa imitando unha rede de pesca.

Os maiores cambios realizaranse no interior do edificio. A sala de abastos manterá os espazos laterais como postos de exposición, pero se eliminarán os que están pegados á fachada principal. Os destinados actualmente á carnicería e á froitería gañarán espazo, no primeiro caso para un obradoiro, e no segundo para a instalación dunha cámara frigorífica. Os baños tamén se mellorarán para facelos máis accesibles ao todos os públicos.