A Fundación oferta 8 actividades deportivas para adultos e 3 escolas infantís para a tempada

As inscricións en calquera das modalidades pode realizarse ata o día 3 de outubro a través da sede electrónica do Concello
Importante Sesion de fotos con Rizatinova Foto colectiva y del entrenamiento (galiwonders_276.JPG)
photo_camera Importante Sesion de fotos con Rizatinova Foto colectiva y del entrenamiento (galiwonders_276.JPG)

A Fundación de Servizos Deportivos do Concello de Vilagarcía de Arousa vén de abrir o prazo de inscrición nas actividades deportivas que desenvolverán ao longo da tempada 2022/23 que se inicia o vindeiro 10 de outubro. Para o público infantil e xuvenil impartirá as tres escolas tradicionais en función das idades (psicomotricidade, multideporte e de deporte base) e para os adultos os programas Activo MaiorMente, destinado ás persoas de máis idade, e o Vilagarcía en Forma, no que se impartirán sete disciplinas deportivas diferentes.

As inscricións deberán realizarse a través da sede electrónica do Concello na sección da Fundación de Deportes, ata ás 23.59 horas do día 3 de outubro. As cotas a abonar son as mesmas que dende hai anos: 12 euros polo curso completo nas escolas deportivas infantís e 18 por trimestre nas de adultos. Tamén se mantén a gratuidade para as persoa s que teñan sacado o carné da fundación e ás familias que teñan ingresos inferiores ao IMPREM, así como as bonificacións do 25% para familias numerosas e do 50% para as persoas con ingresos inferiores ao IPREM.

A oferta para a rapazada consiste na Escola de Psicomotricidade, para nenos e nenas de idades comprendidas entre os 4 e os 5 anos; a Escola de Multideporte para que a rapazada de 6 e 8 anos teña un primeiro contacto con diferentes disciplinas a través da iniciación a diferentes deportes e mediante xogos predeportivos; e as Escolas Deportivas de Base para rapazada de entre 9 e 15 anos , nas que se ofertan as modalidades de atletismo, artes marciais, baloncesto, pádel, patinaxe, tenis de mesa, xadrez e ximnasia rítmica.

O proxecto Activo MaiorMente diríxese a persoas maiores de 65 anos e ten como obxectivo principal o mantemento da condición física e dos aspectos cognitivos sensibles de alterarse ao longo do proceso de envellecemento. Ademais busca potenciar a relación e comunicación entre as persoas maiores e, en xeral, o mantemento da autonomía durante o maior tempo posible. Este programa consta dos servizos deportivos de clases dirixidas de ximnasia funcional, a prescrición de exercicio físico de maneira individualizada e o control e asesoramento dun programa de actividade física adaptado ás particularidades da idade.

Pola súa banda, o Vilagarcía en Forma é un programa de actividades de acondicionamento físico e deportivo, así como de movemento intelixente. Os interesados poderán elixir ata un máximo de dúas actividades de entre as sete que se impartirán: aerobic, estiramentos e relaxación, funcional training, ioga, pilates, ximnasia acuática e ximnasia de mantemento.