A Fundación Galiza Sempre presenta en Vilagarcía o caderno 'O ferrocarril en Galiza'

O caderno preséntase no mesmo ano no que se celebra o 150 aniversario da inauguración da primeira liña ferroviaria na Galiza entre Cornes e o porto de Carril
Museo do Ferrocarril de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Museo do Ferrocarril de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O think tank do BNG, a Fundación Galiza Sempre, presenta o xoves 19 de outubro ás 20.00 horas no Auditorio de Vilagarcía o último caderno O ferrocarril en Galiza da súa colección Ideas Impresas. Este novo número está dedicado ás infraestruturas de Galiza en materia ferroviaria. Un informe técnico elaborado polos xeógrafos Mateo Varela, Miguel Pazos e Rubén Lois, ámbolos tres investigadores da Universidade de Santiago de Compostela e membros do grupo de investigación ANTE (Análise Territorial GI-1871). 

O padroado da Fundación Galiza Sempre tomou a decisión de dedicar este oitavo volume da colección Ideas Impresas a analizar a fondo o sistema ferroviario galego. Faino a través dun completo estudo monográfico no que se recolle unha análise panorámica sobre a historia, a situación actual e as perspectivas de futuro da rede ferroviaria galega. Deste traballo é posíbel extraer unha radiografía actualizada do ferrocarril no país e interesantes conclusións útiles para o debate, o contraste de ideas e propostas e, en definitiva, para contribuír á construción dunha alternativa seria, rigorosa e ambiciosa para dotar á nosa nación dunha rede ferroviaria á altura do que precisa e merece a Galiza do s.XXI.

No acto intervirá a deputada do BNG no Parlamento, Montse Prado; un dos autores do informe, Miguel Pazos; e o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. Na propia presentación será repartido de forma gratuíta o caderno, o cal pode consultarse xa en liña no repositorio institucional da USC, Minerva.