VIDA SALNÉS

Franco Quintáns: “Sei que moda e evolución me definen”

Carrilexo de nacemento, estivo toda a súa vida entre fíos, tesoiras e tecidos ▶ A mostra de encaixe de Camariñas supuxo un antes e despois na súa traxectoria profesional
photo_camera Franco Quintáns para Vida Salnés. [VÍDEO: JOSÉ LUIZ OUBIÑA e EDUARDO DE LA PEÑA]
A miña historia
Chámome Franco, nacín hai 53 anos en Carril e dedícome ao mundo da moda. Sempre estiven entre fíos, tesoiras e tecidos. Iso foi o que nun momento da miña vida me fixo querer ser deseñador de moda. A miña infancia foi moi chula porque agora que os rapaces van a actividades extraescolares a nós, cando non había esas cousas, os meus pais sempre nos metían en actividades artísticas. Eu recordo ir a clases de pintura cun veciño noso que era pintor e logo, xunto co meu irmán maior, viñemos ao que daquela era o Club Carlos Maside onde daban actividades de manualidades, desde barro a papel maché e faciamos marionetas, disfraces... eu penso que iso me axudou a desarrollar o tema creativo. Logo, na casa somos cinco irmáns, miña nai é modista e a meu pai sempre lle gustou debuxar. Chegaba o carnaval e faciamos entre todos os disfraces. Foi unha infancia chula.

Es artista de vocación ou por formación?
Un pouco  de todo. Tiven estudios de deseño en Vigo, na academia Goimar, pero no institituo xa fixera os meus pinitos de deseñador para as miñas amigas. Evidentemente aprendín unha técnica de patronaxe aínda que a miña nai me aprendera a facer patróns, a cortar, a poñer alfileres... a unha serie de cousas; pero eu aprendín o que é a técnica do patronaxe, a técnica de modistería e perfeccioneime. Eu teño tres anos de estudos e o resto da miña carreira é moi autodidacta. 

Cal é o momento no que te sintes modisto?
Nunca. Todos os días estou aprendendo cousas novas. Se estás metido no mundo da moda, que é un mundo tan cambiante, non tes máis remedio que espabilar. Tes que estar innovando constantemente, nos deseños, nas formas, nos materiais. 

Como chegas ao deseño?
Eu non sabía se estudar Belas Artes, pero daquela non había moitas opcións en Galicia e a miña idea era ir a estudar a Barcelona ou a Madrid. Ata que un día no Instituto de Carril, cando estaba de director Miguel Anxo Estévez, me propuxo facer unha pequena colección para un concurso de moda que había dentro dunha pasarela que se chamaba Costa Oeste que estaba dentro de Fexdega. Presentámonos como centro, eu fun o deseñador, e o instituto de Carril presentou unha colección. Iso foi o que fixo saltar a chispa. As miñas compañeiras empezaron a pedirme deseños para as súas vodas. Tiñan a súa costureira ou a súa modista que lles facía o modelo, pero querían que eu llo deseñara. Penso que ese foi o momento en que decidín que quería estudar deseño. Foi un plantexamento que tiven que facer na miña casa que non gostou nun principio. Pero fun a Vigo a estudar.

E cando descubres o que queres facer?
Estudaba patronaxe pret-a-porter para traballar nunha empresa, para ser un máis. Eu sempre fun moi independente, moi dinámico, autónomo e autodidacta. Apetecíame facer algo máis. Por aquela época eu tamén estaba metido no mundo do folclore e a miña parte era, ademais de ser bailarín, encargarme do vestiario.  Aprendín técnicas de bordado que me apetecía facer, é dicir, todo o que estaba recuperando como algo tradicional pareceume moi interesante metelo na moda dese momento. Entón plantexeime facer deseño a medida só para noivas e ceremonia. 

E a túa marca?
Eu antes de acabar a escola xa empecei a presentar as miñas cousas como autónomo. En canto acabei presenteime a un concurso, a mostra do encaixe de Camariñas que foi a miña primeira pasarela, e en canto volvín de Camariñas montei o meu primeiro taller en Vilagarcía, con 25 anos.

Pero decides marchar a Barcelona, por que?
Porque eu son un bule-bule. De Vilagarcía decidín marchar a Vigo porque moita xente de Vigo e de Pontevedra viñan ao meu taller, mentres que de Vilagarcía non viña ninguén. Apetecíame facer cousas que a xente non entendía ou entendíao dous anos despois. A miña vida sempre foi estar pendente do que era tendencia de moda. Chegou un momento en que se me cruzaron os cables e sentín que tiña que ir a un sitio onde a xente fora máis aberta, máis vangardista e onde puidera crear algo distinto. 

E escapas a Barcelona...
Porque alí estaba un irmán meu. Eu ía cunha man diante e outra detrás. Ía probar coa miña carpetiña de traballo. 

E como foi?
Ben. O que fixen primeiro foi traballar nunha tenda, nunha firma francesa. Escaparatismo e merchandising. Aprendizaxe chulo. E logo xa me metín no tema da publicidade. Empecei a facer estilismo para anuncios. E logo eventos de luxo. Isto foi a través dunha parella que eu tiven, Enrique. Él era o director de comunicación dunha serie de empresas e eu desarrollaba a creatividade dos eventos e o tema de costura, vestiario ou atrezzo.

Para que te servíu a experiencia de Barcelona?
Servíu para darme conta de que en Galicia estamos moi ben. Que somos moi potentes en moitas cousas que non sabemos valorar. Aprendín a valorarme. Para darme conta que non tes que estar nun centro grande para desarrollar un traballo. 

E volviches ás orixes.
Pero regresei doutro xeito. Cando me fun tiña un taller que facía a medida e cando volvín, volvín cunha firma que vendía a moda pret-a-porter, por coleccións, xa non traballaba a medida. O que pasa é que regresei cando a crise de 2010 e foron dous anos moi bos de vendas, pero moi mal de pagos. Foi cando dixen que non podía facer coleccións e que volvía a retomar a costura á medida. Porque me parecía máis seguro.

E así aparece o Franco Quintáns de hoxe?
O Franco Quintáns de hoxe evolucionou tamén bastante. 

Quen é Pablo Méndez nesa evolución?
Un rapaz que ten unha compañía de espectáculos en Pontevedra que cando me coñece a través da súa moza, que é a miña modelo, decide que eu lle faga algo de vestiario para eventos-performance. Aí foi cando eu empecei a traballar fantasías absolutas. Traballaba con licras, con volumes, con personaxes que tiñan que ir montadas en zancos... eu quería facer traballos de costura pero dándolles unha fantasía que ata ese momento eu non tocara.

Entón méteste na farándula?
Toda a miña vida miña nai chamoume titiriteiro. Ao final acabei no mundo dos titiriteiros.

Franco Quintáns para Vida Salnés. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Franco Quintáns cund os elementos da súa vida: as tesoiras. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Que implica saltar da costura ao espectáculo?
É un pouco adaptar, reaprender, innovar. Con esta compañía o que me fai é que teño que estar todo o día pensando que materiais utilizar, onde conseguir os materiais. Aplicas moitas técnicas, desde o que aprendín no Carlos Maside ata a alta costura con tul rizado, por exemplo.

E ademais sigues coa túa marca.
Si. Agora teño unha liña de home onde facemos produto que eu deseño, hai empresas que o elaboran e eu o comercializo a través dunha tenda online.

Xa te sintes querido no Salnés?
Si, home, querido síntome. Valorado non tanto. No sentido de que levo 30 anos no sector e en Vilagarcía fixen 5 noivas ou 10 se me estiro. Eu aquí traballei moi pouco. O meu público era ou doutras partes ou de fóra de Galicia. 

Como é a xente de aquí?
Non sei. Un pouco de cerrados, medosos. Se cadra pensan que son caro; pero se unha muller chega ao meu taller con gañas de que eu lle faga un vestido, vamos buscar o xeito de que esa muller saia cun vestido de Franco Quintáns. 

Como levas amor e traballo?
Desde Enrique ata Vigo, que é o mozo que teño agora, estiven 12 anos ou 13 sen compromiso, sendo libre. 

Casado co teu traballo?
Estaba casado comigo mesmo, aínda que soe egocéntrico. Eu co meu traballo sempre estiven casado. As 24 horas do día estou dedicado ao meu traballo. Ata que me derrumbo e entón digo que teño que descansar.

Que son tradición, moda, deseño e costura?
Son catro pilares moi potentes que teñen que estar todo o tempo xirando.
 

Que te define?
Eu non cho podería dicir; pero hai xente que en canto ve algo di ‘isto é de Franco Quintans’ e eu nas pasarelas que presento coleccións nunca son o mesmo. Un ano podo ser moi romántico e ao ano seguinte podo ser moi ‘destroyer’. Pero hai elementos que utilizo cos que hai xente que me identifica.

Ese é o Franco profesional, e ti quen es?
O Franco profesional! Quen son eu? Eu son Javi, como dirían na miña casa os meus amigos da infancia. Unha persoa normal que un día decidiu dedicarse a isto; pero que puiden dedicarme a levar os viveiros da miña familia ou ser médico, que de pequerrecho quería ser cirurxán. 

Explícame o teu logo e tatuaxe do león.
Eu teño dous tótems na miña vida: as bolboretas azuis e o león. Porque son leo, porque me gustan as melenas, porque me parece un animal ambiguo. As bolboretas tamén me parecen ambiguas. Todos temos unha parte masculina e feminina. Na última colección saquei o león cun antifaz de bolboreta, que é mesturar os dous poderes que teño en min. 

Cóntame o teu primeiro desfile en Camariñas.
Estamos falando do 95. Presento unha colección en negro con bordados en acibeche, música tradicional de Leilía. Fun a Camariñas eu só. Era a miña primeira experiencia no mundo da moda. Pregunto na casa se ían ir. Miña nai dixo que si. Meu pai dixo que non. Ese día xogaba o Barça co Madrid e meu irmán, que vivía en Barcelona, lle regalaba entradas. E eu marchei pensando que iso podía velo pola tele, que non fai falta ir a Barcelona cando tes un fillo que vai presentar a súa primeira colección. Pero cando saín ver o meu desfile, vin chegar a meu pai. Foi algo moi chulo. Desde ese momento me axudaron no que puideron.

TEST DE VIDA

Unha palabra?
Ilusión
Un lugar?
Carril, A Granxa.
Unha persoa?
Miña nai, Carmiña.
Unha personaxe?
Christian Lacroix.
Alguén importante?
Meu pai, Manolo.
Unha cousa?
Unhas tesoiras.
Alguén imprescindible?
Non che podo dicir quen pode ser imprescindible.
Que é a vida?
A vida é levantarte todas as mañás, intentar disfrutar co que fas e ser feliz.