A Exposición Internacional da Camelia regresa a Vilagarcía o 2 e 3 de marzo

A Praza da Peixería volverá a ser o escenario no que cultivadores da flor emblema das Rías Baixas exhibirán os seus mellores exemplares 
Palomar y camelia Pazo A Saleta. @PAZODELASALETA
photo_camera O concurso amosará os mellores exemplares das distintas variadades de camelia. DS

A praza da Peixería de Vilagarcía acollerá a fin de semana do 2 e 3 de marzo o LIX Concurso-Exposición Internacional da Camelia. O tradicional evento de exaltación da flor emblemática da Rías Baixas volverá a celebrarse no municipio, onde cultivadores procedentes de Galicia e norte de Portugal amosarán ao público os seus mellores exemplares das distintas variedades que ten a flor orixinaria de Xapón. Como paso previo, a Concellería de Cultura abre este mércores o prazo de inscrición no certame floral e tamén no concurso de ornamentación de escaparates que se organiza para crear ambiente e que a camelia estea presente en toda a cidade durante a primeira fin de semana de marzo.

O Concurso-Exposición da Camelia naceu en 1965 co obxectivo de popularizar a flor representativa dos pazos galegos dende o século XIX, dala a coñecer e fomentar o seu cultivo. Tras cincuenta e oito edicións o evento é toda unha referencia, tanto para as persoas que producen e traballan no cultivo de novas variedades, como para as que gustan de admiralas.

Distincións, categorías e premios

Para premiar as mellores flores e o traballos dos seus produtores, o certame establece unha serie de recoñecementos, comezando pola Camelia de Ouro -que se concede ao concursante que presente o conxunto de flores máis destacado en canto á calidade dos exemplares- e o Premio Especial Antonio Odriozol -para a flor individual más destacada-. A maiores, establécense tres premios para os mellores lotes das catro variedades de camelia xapónica e outros tres premios aos mellores lotes de Camellia reticulata, híbridos de e outras especies de camelia. Por último, tamén se concederán dous premios á mellor representación artística, e o concursante máis destacado recibirá o Premio Especial da Sociedade Española da Camelia-SEC.

A entrega dos premios realizarase o domingo 3 de marzo a mediodía, no propio recinto da exposición, segundo a avaliación realizada polo xurado presidido polo alcalde de Vilagarcía e integrado por representantes das administracións promotoras do certame, especialistas na materia e a persoa premiada coa Camelia de Ouro da edición anterior.

Os interesados en participar no Concurso-Exposición deben presentar a súa solicitude a través do enderezo electrónico [email protected] entre o 31 de xaneiro e o 23 de febreiro. O formulario de inscrición poden descargalo do taboleiro de anuncios da páxina web ou da sede electrónica, lugares onde tamén están dispoñibles as bases do certame.

Cultivadores menores de idade

Dando cumprimento ao espírito co que naceu este certame e para continuar xerando afección e alimentar a canteira, a organización facilitará que os cultivadores menores de idade que non desexen tomar parte na competición poidan igualmente amosar as súas flores. Para elo habilitarase un espazo específico de exposición.

Implicación do comercio local

Por outro lado, e dirixido especificamente a todos os establecementos comerciais de Vilagarcía con independencia do sector de actividade ao que pertenzan, convócase o Concurso de Ornamentación de Escaparates, no cal se establecen tres premios dotados economicamente con 500, 295 e 200 euros respectivamente. O único requisito para participar é que as decoracións se fagan con motivos alusivos á camelia e que inclúan algunha flor natural de camelia en calquera das súas variedades. Ademais, os escaparates deberán permanecer montados a fin de semana na que se celebra a Exposición Internacional, é dicir, o 2 e o 3 d e marzo.

O prazo para anotarse neste concurso vai do 31 de xaneiro ao 26 de febreiro e o trámite debe realizarse a través da sede electrónica do Concello (sede.vilagarcia.gal) presentando o formulario dispoñible nese mesmo medio en www.vilagarcia.gal, onde tamén se atopan as bases.