Dúas obras teatrais daranse cita no Auditorio de Vilagarcía esta semana

Serán o 'O porco de pé', dirixida por Cadaval e 'Nai', de Amorodio Teatro
Auditorio de Vilagarcía. DAVID FREIRE
photo_camera Auditorio de Vilagarcía. DAVID FREIRE

O auditorio de Vilagarcía servirá esta semana de escenario teatral por partida dobre. Por unha banda, o mércores, coa representación de O porco de pé, baseada na obra homónima de Vicente Risco e dirixida por Quico Cadaval; por outra, o vernes, Nai, a obra de Amorodio Teatro que tivo que ser suspendida a semana pasada a causa da enfermidade de unha das actrices. En ambos casos as funcións comezarán ás 20.00 horas e as entradas poden adquirirse a través de ataquilla.com. Os prezos son idénticos: cinco euros, coa posibilidade de adquirir un tiquet bo nificado de tres euros amosando a tarxeta de desempregado, o Carné Xove ou un DNI que acredite que o seu titular ten máis de 65 anos. Os billetes poden ser adquiridos tamén no propio auditorio dende as 18.00 horas do día da función, evitando así os gastos de xestión.

O porco de pé, obra de Risco en versión de Pepe Sendón, está protagonizada por Patricia Vázquez, Victor Mosqueira e Evaristo Calvo, que introducen un teatro de barracón. Un farol mortizo, un chan de serrín, unha cortina vermella e, de súpeto, aparece o porco en elegante pose de equilibrista a sosterse sobre os pés, e finxe ser un ser humano con tanta graza que resulta imposible distinguilo. Unha divertida sátira a medio camiño entre o circo, o barracón, os fantoches e o cabaret que ten hoxe máis vixencia que nunca.

Pola súa banda , o venres 13 Amorodio Teatro ofrecerá un espectáculo teatral multidisciplinar, que emprega ferramentas do teatro documento e da autoficción, sen perder nunca o sentido do humor. Nai explora, a través das figuras das irmás Lola, Julia e Amparo Touza, e as súas fazañas como salvadoras dunha cantidade estimada de 500 persoas durante o Holocausto, a posibilidade de ser mellores persoas en tempos de degradación moral.