Vilagarcía concede a licenza para restaurar a igrexa de San Martiño de Sobrán

O obxectivo desta actuación é resolver as patoloxías máis urxentes do edificio provocadas polo paso do tempo e os últimos temporais
Iglesia de San Martiño de Sobrán en Vilaxoán. DS
photo_camera Iglesia de San Martiño de Sobrán en Vilaxoán. DS

O proxecto presentado pola Consellería de Cultura para a restauración de cubertas e carpinterías da igrexa e sancristía de San Martiño de Sobrán xa ten licenza. O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, vén de asinar o documento, e celebra "a decisión da Xunta de Galicia", xa que "esta actuación de conservación había moito tempo que se viña reivindicando". O investimento acada preto de 160.000 euros e as obras xa foron licitadas, cun prazo de execución de tres meses.

Segundo informou a propia Consellería, o obxectivo desta actuación é resolver as patoloxías máis urxentes do edificio provocadas polo paso do tempo e os últimos temporais. Deste xeito, co proxecto preténdese solucionar os problemas derivados da entrada de auga e dos morteiros de cemento na portada principal, mellorar as condicións de conservación e eliminar o impacto arquitectónico negativo da falsa bóveda do século XX da capela e da sancristía sobre a ábsida románica. Para iso, substituiranse as cubertas da capela lateral e da sancristía que se atopan en mal estado, eliminaranse os morteiros de cemento no portada oeste e faranse intervencións puntuais na cuberta do templo para evitar filtracións de auga e nas carpinterías exteriores para aumentar a ventilación.

A concesión de licenza por parte do Concello implica tamén cumprir coas recomendacións da dirección xeral de Patrimonio en canto á realización de dúas sondaxes arqueolóxicas valorativas. No caso de achado de restos arqueolóxicos, podería ser necesaria a execución dunha actuación de escavación para o seu estudo e rexistro. O edificio é unha doas xoias do Románico en Galicia e, polo tanto, tamén un dos principais valores patrimoniais de Vilagarcía de Arousa.