A cesión de terreos permitirá eliminar a curva perigosa da rúa Feal en Sobradelo

Os acordos tamén farán posible ensanchar un tramo do vial e crear unha pequena zona de esparexemento xunto á fonte de Combe

O Concello de Vilagarcía deu luz verde á actuación este luns. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera O Concello de Vilagarcía delimitará cada unha das parcelas e executará os correspondentes peches. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Concello de Vilagarcía segue a contar coa colaboración veciñal para continuar mellorando a rede viaria municipal, especialmente nas zonas do rural. O último acordo acadado con tres propietarios de Sobradelo permitirá eliminar a curva perigosa da rúa Feal, ensanchar un tramo do vial e crear unha pequena zona de esparexemento xunto á Fonte de Combe. Tres propietarios da zona cederon gratuitamente ao Concello os terreos necesarios para poder acometer unha mellora que incidirá positivamente na seguridade viaria e facilitará o acceso ás fincas alí emprazadas.

A superficie cedida para ensanchar a rúa acada os 691 metros cadrados, o que permitirá abrir a curva para gañar visibilidade e facilitar a manobra dos vehículos que circulan por ela, e tamén para ampliar a plataforma rodada nese tramo da rúa Feal.

As cesións rexistráronse nos correspondentes convenios nos que, como contraprestación ás cesións gratuítas, o Concello comprométese a delimitar cada unha das parecelas e a executar os correspondentes peches axustándoos as aliñacións previstas no PXOM. Dado que muro dunha das fincas está catalogado, a administración local encararase tamén de solicitar a preceptiva autorización de Patrimonio.

A maiores, un dos propietarios tamén cedeu outros 173 metros cadrados na parte da súa finca que dá as rúas Combe e Feal, nas inmediacións da fonte pública de Combe, co obxectivo de facilitar o acceso ao manancial e habilitar unha pequena zona de esparexemento para a veciñanza que o Concello se encargará de realizar acondicionándoa e colocando bancos.