O Concello destina 45.000 euros ás axudas á contratación por conta allea

▶ Financiaranse con ata 3.000 euros os contratos indefinidos formalizados entre o 1 de outubro de 2022 e o 30 de setembro de 2023

Concello de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Concello de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Ravella aprobou este luns as bases que regularán a nova edición das axudas á contratación de traballadores por conta allea que se convocan anualmente co obxectivo de contribuír a reducir o paro no municip io e a crear emprego estable e de calidade. A administración local destina 45.000 euros ás subvencións destinadas a empresas emprazadas nas comarcas do Salnés e de Caldas de Reis, sempre que as persoas contratadas estean empadroadas en Vilagarcía. O prazo para tramitar as solicitudes abrirase o día despois de que a convocatoria sexa publicada no BOP e pecharase o 15 de outubro.

Os requisitos que teñen que cumprir as empresas para poder optar a estes incentivos, ademais de que a persoa beneficiaria leve como mínimo un ano empadroada, son que os contratos teñen que ser indefinidos e a xornada completa, salvo excepcións xustificadas pola natureza da actividade empresarial. Poderán pedirse axudas para os contratos formalizados entre o 1 de outubro de 2022 e o 30 de setembro de 2023, e unha mesma firma pode presentar ata tres solicitudes. A contía máxima da achega é de 3.000 euros por traballador.

Na anterior edición desta liña de axudas creadas pola Concellería de Promoción Económica concedéronse sete subvencións a diferentes empresas de Vilagarcía e da súa contorna. Grazas a elas, sete traballadores (tres máis que o ano anterior) tiveron a posibilidade de acceder a un contrato laboral, consolidar ou mellorar as condicións pre existentes do seu posto de traballo, tal como se recolle nas bases da convocatoria.