Comeza a restauración da pérgola do parque Miguel Hernández

A Concellería de Medio Ambiente, Parques e Xardíns destina 30.000 euros ao arranxo da instalación e substitución de elementos deteriorados
Pérgola do Parque Miguel Hernández de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Pérgola do Parque Miguel Hernández de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Operarios da firma Nelmar S.L.U. iniciaron na mañá deste martes os traballos contratados polo Concello para restaurar a pérgola de madeira do parque Miguel Hernández. A actuación promovida dende a Concellería de Medio Ambiente, Parques e Xardíns ten como obxectivo garantir o perfecto estado e a seguridade da instalación, para o cal se substituirán os elementos deteriorados, se arranxará a estrutura e se revisará a cuberta.

O departamento que dirixe Diego García inviste 30.000 euros na actuación de mantemento e conservación deste característico elemento situado a carón das zonas de xogo infantil existentes na céntrica zona verde. Por esta razón, trátase dunha zona moi concorrida pola xente, tanto en inverno como en verán.

A necesidade de efectuar estes traballos vén dada principalmente polo deterioro detectado nas bases dos piares que sustentan a estrutura, froito do paso do tempo, da acción da chuvia e das humidades que contribúen á podremia da madeira.

Así pois, os traballos acaban de comezar consisten na reparación das bases da pérgola con substitución da madeira, desmonte e reposición do armazón de forxado de pares de madeira e dos parafusos de unión. Ademais, procederase a revisar o estado das vigas da cuberta e, de ser necesario, tratalas como sexa preciso para garantir a completa conservación do conxunto.