Os accesos rodados ao Piñeiriño melloraranse co ensanche de Wenceslao Fernández Flórez

O Concello xestionou a cesión dos terreos necesarios para eliminar un estreitamento da vía que dificulta o paso de autobuses e vehículos longos
Rúa Wenceslao Fernández Flórez. DS
photo_camera Rúa Wenceslao Fernández Flórez. DS

O Piñeiriño verá melloradas as súas comunicacións en breve co proxecto de ensanche da rúa Wenceslao Fernández Flórez que vai levar a cabo o Concello. A vía que da acceso ao barrio dende a rotonda de Pablo Picasso presenta na actualidade certas limitacións para o tráfico rodado debido ao angosto dun dos seus tramos, situación que se corrixirá co ensanche previsto na actuación promovida polo concelleiro de Servizos e Medio Rural, Lino Mouriño.

Para poder mellorar o acceso, o Goberno local xestionou a cesión gratuíta dos terreos necesarios para dar amplitude a rúa no punto no que se estreita. Chegouse a acordo con dous propietarios que, mediante a sinatura dos correspondentes convenios, ceden gratuitamente unha franxa de terro de 21,5 metros cadrados para permitir desfacer o pescozo de botella e para axustar a rúa á aliñación prevista no Plan Xeral de Ordenación Municipal. Con esta medida, tanto os autobuses como os vehículos longos poderán transitar pola vía, ofrecendo así máis alternativas aos accesos ao Piñeiriño dende as rúas Fontecarmoa e Camilo José Cela. Ademais, a obra repercutirá positivamente na seguridade viaria xa que, ao gañar en amplitude, tamén se facilitará a convivencia entre peóns e vehículos.

A maiores, a Xunta de Goberno Local acordou esta semana contratar a redacción do proxecto para a execución desta obra que, ademais do ensanche, incluirá a renovación das redes de saneamento e recollida de augas pluviais.