Un milleiro de persoas reúnense no Centro de Saúde de Baltar demandando melloras na atención primaria

A Plataforma SOS Sanxenxo convocou unha concentración hoxe, sábado 27 de agosto ás 12.30 horas, para denunciar a precarización dos servicios sanitarios en Sanxenxo e a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés
photo_camera Concentración convocada pola Plataforma SOS Sanxenxo diante do Centro de Saúde de Baltar o sábado 27 de agosto ás 12.30 horas. [VÍDEO: JOSÉ LUIZ OUBIÑA]

O pasado 22 de agosto, A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Sanxenxo, SOS Sanxenxo, reuniuse nunha asemblea presidida polo doutor Manuel Martín. Nela acordaron levar a cabo una concentración diante do Centro de Saúde de Baltar, que sucedeu hoxe sábado, 27 de agosto ás 12.30 horas.

Arredor dun milleiro de persoas reuníronse nesta concentración dos veciños e veciñas de Sanxenxo, persoas "preocupadas pola situación que estamos a vivir día a día coa sanidade pública", comentan desde a Plataforma. "Esta concentración é o reflexo da preocupación que temos todos e todas as que vivimos neste concello pois vemos como a asistencia sanitaria se está a deteriorar dunha maneira alarmante", explican. 

concent
Concentración diante do Centro de Saúde de Baltar. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Durante a concentración, puxéronse a disposición de todas as persoas asistentes os pregos de recollida de sinaturas para a ILP apoiada polas persoas asinantes e promovida polas plataformas en defensa da sanidade pública galega. A pesar de ter que improvisar varias mesas a maiores dada a inmensa cola que se formou, foron moitas as persoas que se foron sen poder asinar, polo que desde a Plataforma seguirán "poñendo puntos de recollida nos vindeiros días, que publicitaremos por redes sociais e mediante comunicados".

A Plataforma pretende, con esta ILP, reivindicar "unha sanidade pública de calidade e denunciamos o estado da mesma", así como ven urxente poder "garantir o número necesario de persoal sanitario de todas as categorías".

Desde a Plataforma séntense "agradecidos" por todo o apoio mostrado, "tanto das que puideron achegarse hoxe como das que nos transmitiron o desexo de acudir pero que polo seu traballo non puideron". "Seguiremos convocando novas mobilizacións e recolleremos sinaturas os días de mercado e iremos habilitando outros lugares que comunicaremos proximamente", afirman.