Marta M. Novoa, escritora, psicóloga e creadora de contido

Marta Martínez Novoa: "Quedar mal é necesario para quedar ben cunha mesma"

▶ Unhas 48 horas despois de saír á rúa, ‘El síndrome de la chica buena’ (Zenith, 2024) xa acadou a súa segunda edición. Marta Martínez Novoa (Dorrón, 1994), presentou este venres o seu segundo libro en Sanxenxo, logo de Madrid e A Coruña, consolidándose coma unha autora de referencia
 
Marta Martínez Novoa abrirá la programación. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Marta Martínez Novoa, este venres co seu novo libro na praia de Silgar. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Este segundo libro supón consolidarse como escritora. Como o está vivindo?
Tiña moitas ganas de seguir escribindo e, sobre todo, de escribir sobre este tema. En certo modo si que o vivo un pouco así. Non sei se coma unha consolidación, pero si coma un pasiño máis.

Con El síndrome de la chica buena entra nunha materia máis específica que no anterior libro. Escolleuno porque é algo recorrente que aborda na consulta?
Xusto, é un tema máis concreto, e aínda que hai unha parte do libro sobre as relacións, conectada co anterior, este profundiza en algo moi concreto. Gran parte da idea de escribir este libro veu porque, aparte de ser algo que eu vivín, aparece moitísimo na consulta. É o que máis atopaba nos últimos tempos. Lóxicamente, non vén alguén e di: "veño á consulta porque teño o síndrome de la chica buena", pero si que se presenta moita xente dicindo que sente unha especie de baleiro vital, que nada lle motiva, que non entende por que non é feliz se o ten todo. E moitas veces, rascando, atopamos de fondo este patrón, que é vivir absolutamente para os demais, cumprir as necesidades dos demais e non atenderte a ti. Así é moi difícil, por non dicir imposible, ser feliz.

Como se identifica o síndrome da chica boa?
A sobreadaptación é o tema central deste síndrome, que non é unha enfermidade nin moito menos, senón simplemente un patrón. Se antepoño as necesidades dos demais sobre as miñas, se estou continuamente preocupada por que imaxe vou dar ou que dirán de min se digo unha cousa ou a outra, se me trato con dureza e sempre me sinto insuficiente, a represión das emocións e, en definitiva, fixarte en se estás sendo protagonista da túa vida ou eres unha personaxe secundaria.

A sobreadaptación é o tema central deste síndrome, que non é unha enfermidade nin moito menos, senón simplemente un patrón"

Cal é o rasgo máis oculto?
O que se ve de primeiras é a anteposición das necesidades dos demais, a sobrepreocupación, pero hai algo moito máis interno que ten que ver coa autoesixencia, con sentirte válida a través do que es capaz de facer. É un camiño sin saída porque parece que nada é suficiente nunca. E tamén a dificultade para tomar decisións, que é algo moi interno e ás veces non se exterioriza, pero dentro de ti está xerando unha gran interferencia, xa que podes estar horas dándolle voltas a algo tan sinxelo como que pantalón mercar. Algo moi oculto tamén é o tema de reprimir as emocións, sobre todo a ira, e evitar o conflito. Toda esta represión de emocións desagradables que se meten debaixo da alfombra acaban saíndo doutros xeitos moito peores.

De que xeito?
Á veces con somatizacións. Vén xente á consulta cun problema moi recorrente de estómago ou intestino, e acabamos vendo que pode ter esta raíz psicolóxica. Evidentemente, sempre hai que descartar algo orgánico indo ao médico, pero moitas veces ten que ver con esta represión, sobre todo a da ira, que ten tan mala prensa, pero que é tan necesaria coma calquera outra emoción, xa que nos permite saber cando están traspasando os nosos límites e cando temos que dicir que non. Socialmente non nos ensinaron a regulala axeitadamente.

É un patrón que atopa máis nas mulleres novas, ou sorprenderiamonos ao saber que non ten unha idade concreta?
A franxa de idade máis habitual é a das mulleres novas que teñen entre 20 e 40 anos, pero si que nos sorprenderiamos, como dis, ao atopar outras manifestacións deste patrón. Ás veces pensamos que unha chica boa é só a que é moi compracente, moi doce, caladiña e tranquila, pero tamén hai un patrón moi habitual, que sería o perfil de muller entre os 50 e pico ou 60 anos incluso, que é o da típica nai que di: "aínda non me sentei en todo o día. Ao final ides acabar todos conmigo. Cando me vaia a ver como facedes". Este tamén é un patrón, porque todo está centrado na priorización e no coidado dos demais, nunca nunha mesma.

Existe o síndrome na típica nai que di: "aínda non me sentei en todo o día. Ao final ides acabar todos conmigo. Cando me vaia a ver como facedes"

Á hora de tratalo, trabállase diferente cunha muller nova que cunha persoa máis maior?
Si, non só por idade e as súas prioridades e necesidades asociadas,  ou por contexto histórico, senón tamén porque en cada perfil de chica boa hai unhas características que están máis presentes que outras. Hai persoas que son moi coidadoras, e aí hai que traballar o autocoidado, outras que están moi centradas no que dirán, ou na imaxe que dan, e hai que traballar o tema da propia identidade, de atopar a súa esencia. Hai perfiles moi diversos.

Que ferramentas adoita abordar?
O primeiro, deixar algo de tempo sen facer nada, parar 15 minutos e sentarte contigo mesma para preguntarte se estás a gusto coa túa vida e o teu día a día. Aí traballamos a autoescoita. A raíz disto, o autocoidado, a autoestima, poñer límites e tamén como quedar mal, que é algo que nos custa moito, pero que é moi necesario para quedar ben cunha mesma.