Francisco Leiro toma o relevo de Sandra Fernández como candidato á alcaldía do BNG de Sanxenxo

▶ A edil Andrea Ucha dimitirá para ceder o seu escano a Leiro, que asumirá o cargo a partir de setembro, e no que tamén continuará Fernández ▶ Fernández Agraso aludiu a motivos persoais para xustificar que non se repita a súa candidatura
 
O voceiro do BNG, Fran Leiro, no centro da imaxe. ARQUIVO/ JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Andrea Ucha, Francisco Leiro e Sandra Fernández, onte na sede do BNG en Sanxenxo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Francisco Leiro tomará o relevo da histórica militante do BNG de Sanxenxo, Sandra Fernández Agraso, como candidato á Alcaldía nas vindeiras eleccións municipais de maio de 2023. Así o confirmaron durante a mañá deste xoves dende a formación sanxenxina nunha comparecencia na que Fernández Agraso ofeceu motivos persoais para xustificar que non se repita a súa candidatura, se ben asegurou que "non me vou do BNG. De feito son cargo orgánico na comarca, estou na Executiva comarcal e no Consello, e así seguirá sendo mentres os compañeiros e compañeiras queiran".

Segundo explicou Fernández Agraso, "ser concelleira de Sanxenxo require moita dedicación e esforzo, algo que eu sempre demostrei, pero tras dous anos moi duros a nivel persoal, e que ademais está a seguir sendo bastante duro, non podo adicarlle todo o tempo e esforzo que merece este cargo, e que ademais merecen os veciños e veciñas de Sanxenxo". Neste sentido, asegurou,"o BNG vai presentar ao mellor candidato que fará fronte ás políticas da dereita, e teño que dicir que neste momento eu non son a mellor candidata. Se as eleccións fosen noutro momento non sei o que pasaría, pero a un ano vista, onde hai que preparar unha campaña, eu non podo selo", dixo.

A ex candidata garantiu que traballará "arreo" para que Leiro "chegue á Alcaldía", e valorou positivamente a súa actuación en 16 anos como concelleira de Sanxenxo, nos que "fun crítica nos momentos en que tiven que selo". Así, revelou que "a decisión está tomada dende hai meses", cando suxeriu a candidatura de Leiro ao Consello local.

ESCANOS. A configuración dos escanos do BNG na oposición muda tamén para o que resta de mandato, xa que a actual edil Andrea Ucha presentará a súa dimisión para facilitar a incorporación de Leiro a partir do mes de setembro. Ata o mes de maio, Sandra Fernández continuará ocupando tamén o seu escano e seguirá sendo voceira municipal ata que se complete a transición do novo candidato. En canto á súa continuidade na cabeza da lista, Andrea Ucha explicou que será o partido quen o decida, se ben, afirmou, "seguirei no BNG".

Leiro comezou hai catro anos en política e é enxeñeiro de telecomunicacións. Como futuro candidato, asegurou que "o primeiro que quero facer é asentarme, toca poñerse a traballar, ter contacto coa veciñanza e saber as súas inquedanzas", fixando o obxectivo de "conseguir a maioría absoluta". 

Pola súa banda, Fernández Agraso fora candidata tamén nas eleccións de 2019, estivo ao fronte das Concellerías de Educación e Servizos Sociais dende a chegada do cuatripartito (SAL, BNG, PSOE e Sanxenxo Pode) ao Goberno local en 2015, e tamén durante o posterior mandato do tripartito ata que o PP recuperou a Alcaldía tras o pacto con SAL dous anos despois. Ademais, estivo á fronte da dirección do BNG Sanxenxino.