O ciclo ‘No outono, teatro’, continúa ata finais de outubro no Emilia Pardo Bazán

▶ Tras a inauguración con ‘Bailar o ceo’, outras catro obras tomarán o escenario do Auditorio sanxenxino ao longo das vindeiras fins de semana
Migallas Teatro actuará esta fin de semana. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Migallas Teatro actuará esta fin de semana. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Tras o éxito da obra Bailar o ceo, que inaugurou o pasado sábado o ciclo No outono, teatro, que se está a desenvolver no Auditorio Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo, a programación continúa esta fin de semana cun espectáculo a cargo de Migallas Teatro, baseado no libro-disco Pan de millo, baixo o título Merenda con pan de millo. A actuación, dirixida ao público infantil e familiar, terá lugar este sábado a partir das 18.00 horas, con entrada de balde ata completar aforo, e nela os asistentes poderán gozar dunha escenografía a medio camiño entre o teatro e a interpretación musical que cautivará aos máis pequenos da casa.

A programación continuará no mes de outubro coa obra Leonardo e os biosbardos, dirixida tamén ao público infantil e familiar a cargo de A Xanela do Maxín, que levará ao escenario do Auditorio o vindeiro día 14 (18.00 horas) as aventuras de Leonardo, no seu intento por integrarse e adaptarse a Auria, superando as probas que a cuadrilla Roncolla lle impón, nun relato que fala de solidariedade, ecoloxismo, integración e do despoboamento rural.

Imos cambiar o mundo, da man de Lingua guapa, cantos que contan, un libro disco no que Néstor Blanco leva o galego a todos os recunchos (28 de outubro, 18.00 horas) e O segredo do colchón, a cargo do grupo de teatro afeccionado Sua Vila de Sanxenxo (29 de outubro, 18.00 horas), completan un cartel que pechará coa historia dunha vila que protexe a todos os seus veciños.