Amigos da Dorna consegue un local provisional grazas á cesión dun particular

▶ Unha embarcación da asociación sufriu hai semanas desperfectos a causa do temporal ▶ O BNG lamentou a "falta de interese" do Concello
O voceiro do BNG, Fran Leiro, xestionou o emprazamento. DS
photo_camera O voceiro do BNG, Fran Leiro, xestionou o emprazamento. DS

As embarcacións da asociación Amigos da Dorna de Portonovo xa non estarán á intemperie. Despois dos desperfectos causados polo temporal na Surfeira, que caeu cando se atopaba no dique de abrigo do peirao hai unhas semanas, a causa das fortes rachas de vento, e a través dunha xestión directa por parte do BNG municipal, grazas á cesión altruista dun veciño, o colectivo dispón de xeito provisional dunha nave para resgardar os barcos.

Dende o BNG agradeceron a implicación veciñal e valoraron positivamente esta solución temporal, sen esquecer que o Concello de Sanxenxo e Portos de Galicia "son as administracións que teñen a obriga de dar unha resposta definitiva ás necesidades de Amigos da Dorna, que pasan por contar con catro ou cinco amarres no porto de Portonovo, así como dun local. Son demandas asumibles polas que levan moitos anos agardando", lamentou o voceiro nacionalista, Francisco Leiro, quen criticou "a falta de interese do alcalde, Telmo Martín, en solucionar este problema. O Concello dispón de amarres en Portonovo, pero non hai vontade de colaboración, nin por parte do Goberno local nin de Portos de Galicia", manifestou.

Dende o BNG destacaron tamén o papel do colectivo, que leva desenvolvendo durante 25 anos actividades de conservación e posta en valor das embarcacións tradicionais, e que conta con preto de 100 socios e socias. Neste sentido, lembraron dende o BNG, outra demanda que "segue sen resposta" é a cesión dun local. "Non só sería un espazo para almacenar material, senón que tamén serviría para realizar traballos de mantemento e de exposición, no que poder acoller visitas de centros educativos", manifestou Leiro, que puxo en valor o interese que Amigos da Dorna vén amosando desde hai anos en difundir a historia das embarcacións tradicionais, a través do seu proxecto do ‘Museo flotante’, unha proposta que non se pode levar a cabo pola falta de amarres no peirao de Portonovo.