O filme 'No somos nada' chega esta fin de semana ao Grove da man do Ciclo Mestre Mateo

O pase do documental que revive a historia do grupo La Polla Records terá lugar ás 20.00 horas na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey  
Imagen de 'No somos nada'. DS
photo_camera Imagen de 'No somos nada'. DS

A Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey do Grove acollerá este venres 29 de setembro a proxección do filme No somos nada, do realizador Javier Corcuera, no marco da segunda edición do Ciclo Mestre Mateo que promoven a Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. O pase da película, que fora finalista na categoría de Mellor Documental destes galardóns, terá lugar ás 20.00 horas.

O filme revive a historia do grupo de música vasco La Polla Records a partir do anuncio dunha xira de despedida, tras anos de silencio, por parte do seu vocalista Evaristo Páramos. Entre material de arquivo e moita animación, o cantante fai memoria dos 40 anos de traxectoria musical da banda, que arrancaron nun bar da aldea de Agurain. O seu relato mestúrase con cancións, fotografías, fragmentos de animación e vellos vídeos da banda. A longametraxe, estreada no Festival de Cine de San Sebastián, foi finalista nos Premios Mestre Mateo e acadou o Premio do Público no Festival In-Edit de Barcelona.