As análises conclúen que non existe patoloxía na mortandade da navalla

▶ Intecmar apunta definitivamente á elevada temperatura da auga na Lanzada, unido ao arrastre dos exemplares polas condicións marítimas
Turistas observan as cunchas de navalla que apareceron na praia da Lanzada. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Turistas observan as cunchas de navalla que apareceron na praia da Lanzada. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) xa dispón dos resultados das análises efectuadas ás mostras de longueirón e cadelucha que apareceron mortos na praia da Lanzada a mediados do pasado mes de xuño, e que conclúen coa non identificación de "ningún axente patóxeno que poida ser o causante dese episodio de mortandade". Así o explicaron  este venres dende a entidade a este medio, apostando definitivamente polas condicións climáticas como causantes do sucedido.

Neste sentido, sinalaron dende Intecmar, "todo apunta a que esa mortandade responde fundamentalmente a unha temperatura da auga en superficie superior á habitual", situándose en "arredor dos 20 graos centígrados" no momento no que tivo lugar a vaga de mortandade.

Sobre o fenómeno que provocou a aparición de miles destes exemplares sobre a area da praia da Lanzada, que vén de repetir este episodio nas últimas horas, aínda que nunha zona diferente do areal, Intecmar explica que "os exemplares foron arrastrados ás praias froito das condicións meteorolóxicas e marítimas existentes nese momento na zona".