Mar analiza as mostras da Lanzada para aclarar as causas da mortandade da navalla

▶ Intecmar apunta a unha "combinación de condicións meteorolóxicas e marítimas excepcionais" ▶ A Confraría permanece á espera da mellora da situación que vén de causar una nova perda de miles de exemplares
A mortandade da navalla afecta tamén a outros bivalvos en A Lanzada. Javier Cervera-Mercadillo
photo_camera A mortandade da navalla afecta tamén a outros bivalvos en A Lanzada. Javier Cervera-Mercadillo

Tan só unhas semanas despois de que un gran número de cunchas de navalla apareceran sobre a area da praia da Lanzada, un novo episodio de mortandade volveu abater nas últimas horas ao sector marisqueiro da zona, onde faena a Confraría San Martiño de O Grove. Concretamente, trátase de miles de cunchas de cadelucha e longueirón, esparexidas, esta vez, no lado oposto ao que se rexistrou a última vaga de mortandade destas especies.

Neste sentido, segundo detallaron dende a Consellería do Mar a este medio, os técnicos do ente autonómico atópanse facendo un seguimento da situación, tras recibir o aviso da aparición das cunchas, pouco despois do último suceso destas características.

Dende o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), seguen "a traballar nas análises das mostras recollidas tralo episodio de hai unhas semanas, das que se agarda ter os resultados proximamente". A pesar disto, aseguran dende Intecmar, todo apunta a que estes episodios responden a "unha combinación das condicións meteorolóxicas e marítimas excepcionais rexistradas", posto que "a temperatura da auga en superficie está a ser superior á habitual", situándose arredor dos 20 graos centígrados.

Para a Confraría de Pescadores San Martiño de O Grove, a situación, está conlevando numerosas perdas nas capturas, sen que exista, polo momento, unha solución á problemática que tamén afecta a outros bivalvos, cuxos restos se observan tamén na area da praia.

Se ben na anterior vaga de mortandade o ente autonómico valorou algún tipo de patoloxía, esta posibilidade quedará aclarada no sucesivo cos resultados da analítica que aporten máis luz ao sucedido, se ben o sector marisqueiro apuntou a "outras causas máis alá da temperatura da auga".

TURISMO. A situación, que se produce en plena tempada alta do turismo na zona, sorprendeu durante as últimas xornadas a decenas de visitantes que amenceron coa estampa de miles de cunchas cubrindo o areal, polo que durante a tarde deste xoves pasearon e tomaron o sol sen deixar de observar o curioso fenómeno que continúa sucedéndose na zona. Mentres algúns dicían "no haber visto nunca nada igual", outros relataban como, durante as primeiras horas da mañá deste xoves, a parte grovense da Lanzada, que conecta con Sanxenxo, e que comparte turismo co municipio veciño, deixaba unha "impresionante" estampa á vista.