A Deputación adxudica a mellora da mobilidade peonil na subida a arcos en Meis

As obras contemplan a creación dunha senda peonil ao longo dos 320 metros da estrada provincial EP9401 
Carmela Silva. DP
photo_camera Rolda de prensa de Carmela Silva. DP

A Xunta de Goberno da Deputación adxudicará este vindeiro venres as obras de mellora da mobilidade peonil na EP9401 Travesía Meis-San Salvador-Enlace Autovía AG41, coñecida como a subida a Arcos, no concello de Meis. Estes traballos, enmarcados no modelo de mobilidade amable segura e centrada nas persoas, permitirán crear unha senda peonil ao longo desta pequena estrada de 320 metros que conecta con outra estrada provincial, a EP9403, e a autovía do Salnés, adxudicaranse por un orzamento de 222.354€.

As obras serán financiadas integramente polo ente provincial, xa que o 20% do orzamento que lle correspondía aportar ao Concello de Meis froito do convenio asinado entre ambas administracións para esta actuación, será sufragado cunha achega do Plan Concellos 2022-2023, de preto de 48.000 euros.

As obras desenvolverase ao longo de toda a estrada e permitirá executar na marxe esquerda unha senda peonil de 2,5 metros de ancho en formigón coloreado, así como nos treitos inicial e final da mesma, creando un itinerario peonil cómodo e seguro. Tamén se abordará a renovación do pavimento e levarase a cabo o  ensanche da estrada coa execución do paquete de firme completo nas zonas onde sexa necesario.

A seguranza viaria reforzarase tamén coa execución de tres pasos de peóns sobreelevados (PPS). Amais, os traballos contemplan a renovación da sinalización horizontal e vertical en todo o treito, a mellora da drenaxe lonxitudinal, a instalación de canalizacións e arquetas para o soterramento das redes de baixa tensión e telecomunicacións, así como a execución dunha nova rede subterránea de alumeado público.