Pablo Portas ve na Deputación “a gran aliada para afrontar o gran cambio de Meaño”

O candidato invita á veciñanza a mirar no espello dos outros concellos da comarca con alcaldías socialistas “onde se teñen feito transformacións espectaculares”

Carmela Silva xunto a Pablo Portas en Dena, Meaño. DP
photo_camera Carmela Silva xunto a Pablo Portas en Dena, Meaño. DP

Pablo Portas presentou á presidenta do PSdeG e da Deputación, Carmela Silva, o seu proxecto para construír o Meaño “do presente e do futuro”, baseado na planificación das obras municipais na posta en marcha dunha ambiciosa programación cultural para todo o ano e de políticas sociais, deportivas, medioambientais, turísticas e de igualdade aliñadas cos tempos.

O candidato afirmou que, como alcalde, deseñará “o Meaño de dentro de 10 anos”. “Eu sempre digo nas xuntanzas coa veciñanza que hai que traballar con planificación, porque se non sabemos a onde queremos ir, seguiremos xestionando o Concello a golpe de ocorrencia e con visión curtopracista, e así é imposible acertar”. “Non hai tempo que perder; temos que sentar xa as bases para endereitar un concello que perde poboación e que non ofrece oportunidades de vida á mocidade”, razonou.

Na nova praza de Dena, unha das obras executadas con financiamento provincial, agradeceu a Carmela Silva tódolos investimentos realizados en Meaño nos dous últimos mandatos. “Falan os feitos; a Deputación é a gran aliada coa que podemos contar para o gran cambio que necesita Meaño e que imos emprender a partir do próximo 28M”. Un cambio que o candidato socialista xa ten esbozado no seu programa electoral.

Ademais, recalcou, a Deputación non só financia  obras en Meaño, senón tamén case toda a programación cultural que pon en marcha o Concello. Unha programación focalizada case exclusivamente no verán e que é preciso ampliar cun maior apoio ás asociacións que manteñen o pulso da actividade. “Somos terra de Cultura”, enfatizou Pablo Portas.

O candidato invitou á veciñanza a apostar polo cambio e a mirar no espello dos outros concellos da comarca arousá, que se teñen transformado dun xeito espectacular nos últimos anos co impulso das alcaldías socialistas. “Non hai que ir lonxe, quen teña dúbidas que vaia a Vilagarcía, a Cambados, ao Grove, á Illa de Arousa ou a Meis e volverá completamente convencido/a”, indicou.

Carmela Silva destacou que a Deputación investiu en Meaño 7,8 millóns de euros nos dous últimos mandatos, “máis que nunca na historia, porque inviste máis que nunca na historia en tódolos concellos da comarca de Arousa sen excepción”. Un apoio que se traduciu en máis de 30 obras, entre elas grandes actuacións de transformación das estradas provinciais para convertelas en vías con mobilidade integral, coas persoas primeiro. “Todo o que se ten feito en Meaño foi con fondos provinciais”, recalcou.