Pablo Portas (PSOE): "Temos que estar ao carón do comercio local para seguir sendo competitivos"

Sanidade, turismo ou urbanismo son algunha das bases do proxecto que presenta, por primeira vez como cabeza de lista, o candidato socialista 
Pablo Portas, candidato do PSOE de Meaño. DS
photo_camera Pablo Portas, candidato do PSOE de Meaño. DS

Neste 28M toma o relevo da candidata Ana Belén García. Como afronta este novo reto á fronte do partido?
Con moita ilusión e cun gran equipo, que é plural, aberto, con xente de todas as parroquias e de todas as idades. Coa convicción de que Meaño ten potencial para moito máis e de que nós saberemos estar á altura das expectativas. 

O obxectivo do PSdeG é mellorar a calidade de vida da veciñanza de Meaño. Cales son os aspectos imprescindibles para facelo?
Conseguir que a xente nova que se independiza teña unha vivenda aquí en vez de ter que mudarse a un concello veciño, ampliar as políticas de conciliación familiar, achegar a todas as parroquias actividades de ocio para todos os públicos, coidar os nosos parques, e os nosos espazos naturais, promover e facilitar a participación das cativas e cativos en actividades culturais e deportivas da man das nosas entidades e asociacións nestes ámbitos. 

Que suporía a revisión e actualización do Plan Urbanístico (PXOM) para un concello como Meaño?
Suporía facelo un instrumento útil para atender á realidade hoxe do concello. Á realidade social e económica. É imprescindible tamén para ampliar o parque de vivenda en Meaño. Precísase de moita capacidade de diálogo pero nós témola e hai que comezar xa con isto, porque require tempo. 

Como valora o PSdeG a actuación do Goberno local na vixente lexislatura?
De xeito negativo. Foi un goberno ineficiente á hora de xestionar os seus recursos, con continuas modificacións de crédito e sobrecustes en proxectos e obras. Gran parte do feito debeuse a que a Deputación destina agora a Meaño case o dobre de diñeiro que baixo a presidencia de Louzán. Diñeiro que axudou tamén a que en Meaño houbera unha certa programación cultural, se ben concentrada nos meses de verán, e máis alá dos eventos que promoven e organizan as nosas excelentes asociacións. Pero o máis preocupante foi a mirada curtopracista, sen tomar ningunha decisión de calado, sen pensar no futuro de Meaño. Futuro que claramente está en xogo o 28 M.

Que medidas tomarían de chegar á alcaldía, en materias que dende o partido consideran fortes como o turismo?
Seguiremos pedindo que a Mancomunidade dedique un apartado específico a Meaño no seu Plan Estratéxico de Turismo. Isto será clave a efectos de visibilidade. Faremos bandeira do turismo ornitolóxico, que fai que recibamos visitantes todo o ano. Comprometémonos a unha mellor promoción da nosa gastronomía, do noso viño, e dos nosos espazos naturais. E conservaremos en moito mellor estado os nosos miradoiros, das nosas rutas de sendeirismo, da zona dos Pasales…

O comercio local é un dos sustentos económicos de municipios de pouca poboación. Como potenciaría esta área?
Nun mundo globalizado, temos que estar ao seu carón para axudarlles a seguir sendo competitivos. Nós propoñemos realizar unha campaña anual de bonos consumo no comercio local, e facilitar con formación e complementando axudas de carácter supralocal xa existentes a transformación dixital dos comercios que a queiran levar a cabo para crear unha páxina web ou un punto de venda por Internet. 

Dende o partido remarcan a necesidade de facer fincapé no plan de igualdade municipal. Como abordaría esta cuestión de ser elixido como alcalde?
Dende que se aprobou, dá a sensación que se gardou nun caixón e se esqueceu. Queremos revisalo e actualizalo, e que sirva para desenvolver as accións que se levarán a cabo para impulsar e fomentar a igualdade de oportunidades no noso concello entre homes e mulleres. De igual xeito, que sirva de base para a realización ao longo do ano de campañas de concienciación a través de coloquios, xornadas formativas ou actividades culturais.

Esixe unha atención sanitaria de calidade para Meaño. En que aspectos se pode mellorar?
Ten que ser de calidade sempre, os 365 días do ano. Esixiremos e reclamaremos unha atención primaria áxil e un servizo de pediatría de calidade. Nesta materia non podemos dar nin un paso atrás.