Regades advirte de que o único voto que pode frear a PP e Vox é o do PSOE

O candidato socialista lembra que en 2019 non foron útiles os 50.000 votos das forzas de progreso que non acadaron representación
O PSOE celebrou un encontro coa militancia en Cambados. DS
photo_camera O PSOE celebrou un encontro coa militancia en Cambados. DS

Partido Socialista sae a volver a gañar as Eleccións Xerais na provincia de Pontevedra. Así o manifestou o candidato ao Congreso, David Regades, nun encontro con representantes da militancia da comarca de Arousa celebrado este domingo na praza de San Gregorio, en Cambados. Regades destacou é necesario dar un apoio masivo ao PSOE este 23X pois "somos a única forza capaz de traducir eses votos progresistas en escanos".

O líder da lista socialista ao Congreso recordou que nas Xerais do 10 de novembro de 2019 o Partido Socialista foi primeira forza na provincia con máis de 166.000 votos e 3 puntos sobre o PP, que quedou en segundo lugar. Naquelas Eleccións, recordou "non foron útiles" os 50.000 votos progresistas (39.000 do BNG e 10.000 de Más País-Equo). "Agora, máis que nunca, hai que votar pensando en frear á dereita e á ultradereita, polo que apoiar a forzas que volverán quedar fóra do Congreso, como xa din as enquisas, non contribúe a ese obxectivo". "O BNG, por certo, sacou case os mesmos votos na nosa provincia que Vox en 2019, outro dato que alerta e obriga a pensar na utilidade do voto progresista".

Regades apuntou diante dun auditorio no que estaban os alcaldes de Cambados, Samuel Lago, e Illa de Arousa, Luís Arosa, o beneficioso que é para os socialistas a sobreexposición mediática da dereita pois, "canto máis tempo teñen un micrófono diante a xente máis se da de conta das súas mentiras e falsidades" e pediu para o PSOE tanto "o voto progresista de todo aquel que nalgún momento se decantara por outra forza como o voto de todas as persoas que están escandalizadas co que pode chegar a ser un goberno PP-VOX".

Samuel Lago, pola súa parte, resaltou o feito de que a "dereita non ten argumentos e por iso non pon o debate político enriba da mesa refuxiándose en tópicos e eslóganes absurdos como o do sanchismo".