Regades destaca 483,5 millóns de euros en Fondos Europeos para a provincia

Así o explicou o candidato socialista ao Congreso por Pontevedra nunha visita celebrada este martes a Vilagarcía
David Regades en su visita a Vilagarcía junto a representantes socialistas de la comarca. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera David Regades en su visita a Vilagarcía junto a representantes socialistas de la comarca. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A provincia de Pontevedra ten recibido un total de 483,5 millóns de euros procedentes dos distintos programas que o Goberno de España e a Deputación de Pontevedra encaixaron nos fondos europeos Next Generation. Así o destacou o candidato socialista ao Congreso pola provincia, David Regades, acompañado de varios membros da candidatura, nun acto celebrado onte en Vilagarcía de Arousa.

Así, subliñou que nestas próximas Xerais "hai que pensar tamén en clave local", valorando as distintas actuacións "que ten financiado Europa e que poderían frearse en seco no caso de que as Eleccións derivaran nun goberno da dereita coa ultradereita".

O número un ao Congreso polo PSdeG-PSOE indicou que estes 483,5 millóns de fondos europeos xa concedidos financian plans de sostibilidade turística en destino, transformacións urbanas para a implantación de zonas de baixas emisións, obras de restauración do patrimonio, actuacións de modernización do comercio, eficiencia enerxética, transporte sostible, rehabilitación de edificios públicos, expansión da fibra óptica a todo o rural antes do ano 2025, loita contra o reto demográfico, rehabilitación do parque de vivendas privado, os PERTE do Naval e do hidróxeno verde, o Kit Dixital (modernización das pequenas e medianas empresas) e os fondos DUS5000 destinados a financiar actuacións en concellos de menos de 5.000 habitantes.

O candidato destacou que os fondos europeos están por toda a provincia, financiando proxectos non só públicos, senón tamén privados, que inciden na transformación da economía cara un modelo sostible, dixital e baseado na cohesión social e na competitividade do noso tecido empresarial. "É un avance que non se pode poñer en risco", destacou.

Finalmente, quixo poñer de manifesto que os 483,5 millóns de euros liberados para a provincia débense en gran parte "aos programas estatais, pero tamén provinciais, co liderado da Deputación, que xestionou fondos para sostibilidade, reconversión dos puntos limpos municipais para adaptalos á recollida do lixo electrónico, impulso ao comercio e, actualmente, co PERTE da auga para a modernización das redes de abastecemento de boa parte dos concellos da provincia", manifestou Regades.