Cambados acolleu onte o acto de clausura do programa "Galegas Dixitais", organizado pola Concellería de Igualdade do municipio co obxectivo de favorecer a empregabilidade feminina.
O plan de formación gratuito, no que participaron 43 mulleres da localidade, estivo financiado a través dos fondos europeos Next Generation, mediante o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do goberno do Estado, xestionados pola Xunta de Galicia.
Así, durante case dous meses, as participantes formáronse en Competencias Dixitais Básicas, Avanzadas e para o Emprendemento en sesións impartidas por Beproject Consultores e Ara Formación no Viveiro de Empresas do Polígono Sete Pías de Cambados.
Cada acción formativa tivo unha duración de 40 horas nas que as participantes aprenderon o manexo das novas tecnoloxías no seu día a día, o traballo ou o negocio.
O acto de clausura foi presidido polo alcalde, Samuel Lago, que destacou "a importancia deste tipo de formación de alta demanda e para a que na maior parte dos casos hai que recurrir a academias privadas ou depender de tutoriais ou auto aprendizaxe" . O rexedor felicitou as participantes polo seu interés na aprendizaxe e animounas a seguir formándose para obter unha mellor capacitación laboral.
Ante a boa acollida do programa, que tivo que ampliar horarios en sesións de maña e tarde dada a alta demanda, a concelleira de Igualdade, Fátima Abal, xa está traballando para organizar unha segunda edición proximamente, previsiblemente en xaneiro do vindeiro ano. Segundo explica Abal, o programa "Galegas Dixitais" pretende mellorar as capacidades dixitais de mulleres en xeral, pero, prioritariamente, de mulleres desempregadas residentes en zonas rurais. "Ademáis de favorecer a empregabilidade, o obxetivo é impulsar o emprendimiento e desenvolvemento rural, así como reducir a fenda de xénero", indica a concelleira.
Ao remate do programa, as mulleres participantes recibiron un ordenador portátil de agasallo e unha webcam.