Pedro Blanco subliña en Cambados o compromiso por transformar o turismo

▶ O delegado do Goberno en Galicia participou este sábado na inauguración do III Encuentro Nacional de Pueblos Mágicos de España
Pedro Blanco durante a súa intervención. DS
photo_camera Pedro Blanco durante a súa intervención. DS

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, subliñou en Cambados a aposta do Goberno de Pedro Sánchez pola transformación e modernización do turismo de Galicia que se traduce "nun investimento histórico de 200 millóns de euros en catro anos", durante a inauguración do III Encuentro Nacional de Pueblos Mágicos de España, que se celebra esta fin de semana, onde incidiu na necesidade de aproveitar a atracción de turistas, "non só como sector xerador de capital, senón tamén como elemento que contribúa a vertebrar o territorio e a fixar poboación". Nesta liña, apelou á construción dun novo modelo turístico baseado na sustentabilidade, na dixitalización e no valor engadido impulsado co axuda do Plan de Recuperación do Goberno, que xa beneficia a un de cada dous concellos galegos a través dos Plans de Sustentabilidade Turística e doutros programas apoiados con fondos europeos.

Precisamente, o delegado do Goberno lembrou na súa intervención que unha pequena mostra desta "aposta sen precedentes" reflíctese no Plan de Sustentabilidade Turística que xestiona a Mancomunidade de Municipios do Salnés, financiado polo Ministerio de Comercio, Turismo e Industria con máis de 1 millón de euros, dos que máis de 100.000 destínanse a poñer en valor a variante espiritual do Camiño Portugués ao seu paso por Cambados.

Así mesmo, o delegado lembrou que o Plan de Recuperación tamén financia a recuperación de 20 elementos do patrimonio cultural para uso turístico, con máis de 60 millóns de euros. "Estamos a traballar na dirección correcta e así o demostran os datos do Ministerio, que falan da recuperación do turismo e sobre todo, do turismo por motivos culturais", engadiu, ao tempo que reclamou que "a España e a Galicia de natureza, de patrimonio rural, de tranquilidade, a de gastronomía e historia, deben guiarnos para seguir traballando en novos produtos turísticos que desestacionalicen a demanda e atraian visitantes todo o ano". Neste escenario, afirmou, "as nosas vilas son un reclamo, pero temos que seguir traballando para sacar adiante novos proxectos innovadores e atractivos e co Plan de Recuperación a oportunidade é histórica".

Pedro Blanco considerou "un orgullo para Galicia" acoller durante estas xornadas aos 130 núcleos que integran a Red de Pueblos Mágicos de España. "Cambados, no corazón das Rías Baixas", sinalou, "é o escaparate perfecto para o desenvolvemento deste encontro  porque nesta localidade congréganse todas as potencialidades da nosa terra: a gastronomía, o mar e, por suposto, os recursos patrimoniais, culturais, e naturais cos que temos a fortuna de contar". Finalmente, felicitou ao alcalde de Cambados, Samuel Lago, e a toda a veciñanza "por saber valorizar os seus recursos e polo seu traballo no impulso de proxectos que son motor de dinamismo e desenvolvemento en toda a zona".