A Xunta pon en valor o traballo da Asociación Autismo Bata

O delegado territorial, Agustín Reguera, destacou a filosofía da asociación que busca mellorar a autonomía dos seus usuarios
Agustín Reguera xunto ao persoal da Asociación Autismo Bata. DS
photo_camera Agustín Reguera xunto ao persoal da Asociación Autismo Bata. DS

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou na mañá deste mércores a Asociación Autismo Bata, en Vilagarcía de Arousa. Alí coñeceu de primeira man o traballo dos profesionais que se esforzan por facer a vida dos usuarios da Asociación un pouco máis sinxela. 

Xunto ao grupo directivo, o delegado interesouse pola filosofía do centro, que busca axudar ás persoas con autismo, tendo sempre como obxectivo último a súa autonomía e poñendo os seus desexos, metas e aspiracións no centro do traballo diario. En total a Asociación Bata conta con preto de 70 profesionais dedicados ao coidado e desenvolvemento dos seus usuarios.

Reguera mostrouse impresionado coa gran labor levada a cabo e asegurou que “a fama que ten Bata en toda España está máis que xustificada”. Ademais o delegado quixo agradecer a función de todos os involucrados na asociación que axuda dunha ou outra maneira a preto de 300 persoas con autismo. “Tedes un traballo moi vocacional e que reporta un beneficio enorme a toda a sociedade. Dende a Xunta queremos que sintades todo o noso apoio e agradecemento”, concluíu.