A veciñanza da rúa Quinteiro xa se beneficia da nova pavimentación

A obra, que contou cun investimento de 76.000 euros xa rematou, a falta duns retoques a realizar esta mesma semana ▶ Os traballos incluíron ademais unha mellora nas redes de saneamento
Alcantarillado en la rúa Quinteiro, Trabanca Sardiñeira, Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Antiga pavimentación na rúa Quinteiro. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Os veciños da rúa Quinteiro xa se benefician nas melloras que o Concello de Vilagarcía vén de acometer nos servizos básicos municipais e na pavimentación da zona. A obra de renovación das redes de saneamento e recollida de pluviais promovidas pola administración local nesta zona de Trabanca Badiña rematou onte, quedando tan só pendentes uns pequenos retoques que se realizarán esta mesma semana. A actuación precisou dun investimento de 76.000 euros financiados con fondos propios.

A necesidade nesta rúa viña dada pola antigüidade das canalizacións do servizo de saneamento, que aínda eran de fibrocemento e rompían con moita frecuencia. A maiores, as constantes reparacións destas avarías deixaran numerosas irregularidades no pavimento polo que se formaban fochas que se enchían de auga e dificultaban o tránsito de vehículos e peóns.

Os traballos executados no último mes pola empresa Montajes J.M. Iglesias consistiron en substituír os vellos condutos de residuais por outros novos de PVC que se conectaron mediante gravidade coa rede xeral de saneamento que discorre polas proximidades. Tamén se instalou un sistema de canalización e recollida das augas pluviais mediante imbornais e canles de drenaxe para evitar a acumulación de auga na superficie da vía. Por último, procedeuse a acondicionar o fir me mediante a formación de pavimento continuo de formigón armado combinado con adoquíns cerámicos.

Os retoques que se rematarán esta semana consisten na corrección da rexa de forza dun sumidoiro próximo á entrada dunha vivenda e na aplicación da solución de óxido de ferro coa que tinguir as partes de formigón para darlles un ton máis natural. Para realizar esta operación é necesario que deixe de chover e que o chan seque un pouco.