O San Roquiño Pequeño e a Festa da Auga marcan a diversión dos días 15 e 16

A cidade conta cunha axenda completa na que non faltan estes eventos máis importantes, as procesións e a música
Momentos antes do comezo da Festa da Auga do ano pasado, con milleiros de asistentes.
photo_camera Momentos antes do comezo da Festa da Auga do ano pasado, con milleiros de asistentes.

As festas patronais de Vilagarcía de Arousa seguen a ter unha axenda completa para as xornadas de este martes días 15 e mércores 16 de agosto. Así, atoparemos eventos como a celebración de San Roquiño O Pequeño, a procesión popular de traslado da imaxe do santo ata a capela, a recoñecida Festa da Auga ou a despedida do Festaclown e, en canto á música, destacarán as actuacións en galego con protagonistas como A Xaiba, Factoría de Subsistencia e a Banda de Cámara de Arousa. Ademais, haberá pasarrúas a cargo de Festicultores, Os Terribles de Arousa, Treboada de Gillán e as Cantareiras Bulideiras de Fontecarmoa. 

O martes 15 celebrarase o San Rooquiño O Pequeño e os festexos comezarán con pasarrúas e misa cantada pola Coral Santa Eulalia as 11.30. A continuación, celebrarase a procesión polas rúas da zona para rematar coa tradicional romaría popular, na que non faltarán empanada e viño para os asistentes.

Este mesmo día dará fin ao Festaclown, que comezará cos Contos de Igualdade que ofrecerá Ángeles Goás ás 11.00  horas no Parque Miguel Hernández. As 12.30, na Praza de Ravella,os Superrroquiños gozarán con malabares e comedia do espectáculo Up! de Xabi Larrea. A compañía valenciana La Finestra Nau Circ rememorará os vellos espectáculos circenses a partir das 19.30 horas na Praza de Galicia con Royal Circus. Así, para despedir esta edición da festa estará o Mago Teto estreando en Vilagarcía Rock&Magic.

Por outro lado, o Parque da Xunqueira acolle mañá ás 21.30 horas o concerto da orquestra de música tradicional galega A Xaiba. As 23.00 horas subirase ao mesmo escenario o grupo Factoría Subsitencia que presenta o seu novo traballo discográfico Respirando...sempre!!!. Ademais, as rúas da cidade estarán animadas a partir das 22.30 horas a mans dos Festicultores Troupe

A Festa da Auga ocupará toda a mañá do día 16 de agosto, pero á tarde haberá máis eventos. Primeiro a precesión relixiosa con saída as 20.30 horas da capela de San Roque. Logo, este día rematará con música no Auditorio a partir das 22.00 horas, cando a Banda de Cámara de Arousa protagonice o II Serán Sinfónico. A entrada é libre ata completar aforo.

Festa da Auga 

Como xa se fixo a pasada edición, a festa recupera a súa esencia polo que as molladuras correrán a cargo dos veciños que lancen auga dende os balcóns e, a pé de rúa, polos propios participantes na festa que poderán combater corpo a corpo lanzando auga. Disporanse bidóns cheos de auga na Praza de Galicia e na encrucillade de Rey Daviña con Valentín Viqueira para que os participantes na festa poidan recargar as súas armas acuáticas. Tamén con este obxectivo, neste ultimo punto e na rúa Conde Vallellano instalaranse liñas de aspersores para permanecerán operativas as billas da fonte da Praza da Independencia. Por motivos de seguridade, baleiraranse as fontes da Praza de España, de Galicia e de Arcebispo Lago.

Para atender as posibles incidencias que se poden producir nun evento multitudinario como este, habilitarse un hospital de campaña na Praza da Peixería no que haberá persoal do Servizo Municipal de Emerxencias e unha ambulancia medicalizada dotada de médico e enfermeiro. Ademais, ao inicio da festa haberá outra ambulancia básica nas inmediacións da capela de San Roque, que posteriormente se desprazará á rúa Arcebispo Lago para estar máis próxima ao epicentro da festa.

Como complemento ao dispositivo de seguridade que porán en marcha as forzas e Corpos de Seguridade do Estado dende a noite previa e durante toda a madrugada do día 16, o Servizo Municipal de Emerxencias colaborará patrullando con catro vehículos propios que irán rotando polas zonas onde se concentran máis persoas como a TIR, a praia da Concha ou o Castro. Tamén funcionará na explanada do Auditorio un Punto Violeta.