Vilagarcía celebra ata o vindeiro domingo as Festas de San Roque

O Concello oferta unha gran cantidade de actividades, entre as que destacan os concertos e o combate naval, ademais das actuacións de artistas locais
Os fogos artificiais durante o Combate Naval, o ano pasado. RAFA FARIÑA
photo_camera Os fogos artificiais durante o Combate Naval, o ano pasado. RAFA FARIÑA

A cidade de Vilagarcía de Arousa celebrará esta semana os días máis importantes das súas Festas de San Roque. Aínda que as actividades comezaron a principios de mes, o programa propiamente dito ten lugar entre os días 11 e 20 deste mes de agosto, tendo lugar os pratos máis fortes a partir de hoxe e ata o domingo.

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, destacou a completa axenda deseñada pola Concellería de Cultura para agasallar aos vilagarciáns durante a celebración das festas de verán con todo tipo de actividades, de todos os xéneros, para todos os gustos e para todas as idades. Concertos, actuacións, actividades infantís, pasarrúas, espectáculos de circo, humor e malabares, animación de rúas… son só parte da oferta festiva da que se pode gozar estes días de forma totalmente gratuíta.

Ademais, volta a Festa da Ameixa (o domingo), un evento gastronómico que promociona o famoso e inigualable bivalvo de Carril, e volverase a contar coas citas máis multitudinarias e representativas dos festexos vilagarciáns, como a Festa da Auga, o Combate Naval (cun fantástico espectáculo de fogos artificiais), o desfile de Carrozas (o domingo), a Ofrenda Floral, o Festiclown e os grandes concertos no Parque da Xunqueira, aspectos todos eles polos que as celebracións de Vilagarcía contan xa dende hai case dúas décadas coa declaración de Festas de Interese Turístico Nacional.

No apartado musical, cunha gran variedade de estilos, contarase este luns cos concertos de Rayden, na súa Xira Despedida (23.00 horas no Parque da Xunqueira) e Lontreira (21.00 horas no mesmo emprazamento), continuando este martes con Festicultores Troupe, A Xaiba e Factoría de Subsistencia (co vilagarcián Josito Porto entre os seus integrantes) e o xoves con Treixadura. Nos días previos xa actuaron o rapeiro canario Don Patricio e o tributo a Mecano ‘Hija de la Luna’, entre outros.

Aposta local

Como destacou a concelleira de Cultura, Sonia Outón, seguindo a filosofía do Goberno local, as festas contan cunha ampla representación de artistas e formacións locais, que están a poñer en escea diversos espectáculos como o musical de Tarzán que ofreceu o sábado a academia de música Coda, o Serán Sinfónico da Banda de Cámara de Arousa (o mércores no Auditorio), ou a Noites de Festa (o vindeiro venres) na que intervirán a Banda de Música de Vilagarcía xunto co Orfeón de voces graves de Arousa, as Cantareiras Bulideiras de Fontecarmoa e o gaiteiro vilagarcián, Ramón Miguéns Oliveira.

O director da Banda de Música, Jesús Nogueira, explicou que Noites de Festa creouse especificamente para as festas de San Roque, seguindo unha vella costume da súa formación. A diferenza, é que nesta ocasión, a Banda dá un paso máis ao xuntarse cos outros grupos e solista participantes para crear este espectáculo adicado a todos os vilagarciáns e que conta cun repertorio integramente galego con chiscos á tradición da música popular de Carril, de Vilaxoán e de Vilagarcía, "que, aínda partindo de pobos diferentes, teñen moito en común".

A estes hai que sumar os numerosos grupos folclóricos e de gaitas que están animando a cidade con pasarrúas diarios e tamén as tradicionais verbenas que ofrecerán a orquestra Metrópolis e os grupos Los Coleguitas e Claxxon, todas elas con varios compoñentes residindo na cidade. Unha das grandes citas festivas tivo lugar o pasado venres, coa lectura do pregón a cargo da periodista María Foscaldo, máis coñecida nas redes sociais como MeryFos coa creación de persoaxes como Virtudes de Galiñanes a repunante, que acumula uns 150.000 seguidores en Tik Tok e Instagram. Aínda que non naceu en Vilagarcía leva xa moitos anos afincada na cidade e amosouse encantada e honrada coa invitación do Concello para este acto tan importante das Festas de San Roque.

O Combate Naval, con máis de 150 anos e que se celebrará o sábado, é un evento pirotécnico único en Galicia

No referente á Festa da Auga, que se celebrará o mércores 16, (o mesmo día da procesión, que será ás 20.30 horas) o alcalde puxo énfase en que, seguindo a liña iniciada o ano pasado de tratar de voltar ás orixes da celebración. En base a isto, e xa como aconteceu na pasada edición, prescindirase dos camións cisternas e de recorrer ás bocas de incendios co obxectivo de reducir o consumo de auga e crear un evento axustado aos criterios actuais de sustentabilidade e respecto ao medio ambiente. Outro dos platos fortes será o Combate Naval, que terá lugar o sábado nas praias da Concha e Compostela. Un evento pirotécnico único en Galicia e con máis de 150 anos de historia, con media hora de fogos artificiais acuáticos e aéreos, que remata con combate entre os barcos e o castelo. O programa completo pode consultarse na páxina web do Concello na seguinte ligazón.