A empresa Gallaecia encargarase da reforma integral do Pavillón de Fontecarmoa

A obra adxudicouse por 2.005.586 euros (impostos incluídos) 123.842 euros por debaixo do prezo de licitación ▶ O proxecto ten un prazo de execución de 7 meses

Pabellón Municipal de Fontecarmoa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Pabellón Municipal de Fontecarmoa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Xunta de Goberno Local aprobou na mañá deste martes a proposta de adxudicación á construtora Gallaecia a reforma integral do pavillón nº1 de Fontecarmoa, por ser a oferta que obtivo maior puntuación de entre as tres que concorreron ao concurso. A obra adxudicouse por 2.005.586 euros (impostos incluídos), o que supón unha rebaixa respecto ao prezo de licitación de 123.842 euros. Con esta obra Vilagarcía verá cumprida unha esperada e necesaria demanda, xa que a execución dos traballos permitirá dispor dunha infraestrutura deportiva moderna, confortable tanto para deportistas como para público, e eficiente enerxeticamente.

Unha vez adxudicada, a empresa deberá presentar a documentación necesaria e asinar o contrato para poder dar comezo ás obras que teñen un prazo de execución de 7 meses. Maila isto, a intención do goberno é axilizar o máximo posible os traballos para que os clubs da cidade poidan retomar a actividade no renovado pavillón canto antes e para que os vilagarciáns poidan gozar do deporte nunhas instalacións modélicas.

O proxecto a desenvolver inclúe a reparación da estrutura, a substitución da cuberta, a mellora de envolventes e o acondicionamento interior do pavillón, así como a instalación de sistemas de enerxía fotovoltaica, a reno vación da instalación eléctrica e a de climatización. Estas últimas melloras permitirán que o renovado pavillón cumpra os compromisos da Axenda 2030 e suba catro niveis na escala de eficiencia enerxética, pasando a situarse na categoría "A".

As obras proxectadas resolverán todas as carencias e deficiencias que presentan actualmente as instalacións construídas hai máis de 40 anos -especialmente en materia de humidade e condensación, que dificultan a práctica deportiva-, pero tamén de imaxe. Por isto, aparte da estrutura e das instalacións, tamén se renovarán a zona de vestiarios, os aseos e o perímetro da cancha.

Dos case 2,2 millóns de euros nos que estaba orzamentado, a administración local financia 1.779.428 (1.353.874 directamente e 425.554 con parte dos fondos que lle corresponden a Vilagarcía con cargo ao Plan Concellos da Deputación). Os 350.000 euros restantes son a achega que fai a Secretaría Xeral para o Deporte.