Ravella e Zona Franca colaboran na ampliación do polígono do Pousadoiro

Esta liña de actuación acordouse na reunión que o alcalde e o delegado do consorcio mantiveron este martes no marco do seguimento ao convenio asinado hai ano e medio para dinamizar a economía e a creación de emprego no Salnés
Alberto Varela mantivo unha reunión este martes con David Regades pola ampliación do polígono industrial do Pousadoiro. DS
photo_camera De esquerda a dereita: Alba Briones, Alberto Varela, David Regades e Paola María. DS

O alcalde de Vilagarcía, Aberto Varela, recibiu este martes no Concello ao delegado do consorcio Zona Franca de Vigo, David Regades, que se desprazou ata a capital arousá para facer seguimento do convenio de colaboración asinado hai ano e medio entre ambas institucións co obxectivo de mellorar a competitividade das empresas e incentivar a creación de emprego en Vilagarcía e noutros municipios do Salnés. Neste marco, acordouse establecer unha nova liña de colaboración entre ámbalas dúas institucións co obxectivo de desenvolver a ampliación do polígono industrial do Pousadoiro.

Na xuntanza participaron tamén as concelleiras de Promoción Económica Alba Briones, e de Urbanismo, Mobilidade e Xestión de Fondos Europeos, Paola María, e por parte do consorcio, o director de proxectos, Arturo Malingre, e a responsable de Promoción económica, Rosa Eguizábal.

Zona Franca está elaborando o Plan Estratéxico para o Desenvolvemento Económico de Arousa-Salnés no marco do convenio de colaboración asinado en agosto de 2021 cos concellos de Vilagarcía, Cambados, O Grove, Illa, Meaño, Ribadumia e Meis.

No diagnóstico sobre a situación económica de Vilagarcía sinálase a carencia da infraestrutura necesaria para acoller a implantación de novas empresas, o que lastra as posibilidades do desenvolvemento industrial da cidade que, por outro lado, conta con enorme potencial e atractivo dada a súa situación estratéxica, as boas comunicacións das que dispón e a que conta cun porto de interese xeral.

O Concello leva anos demandando ante a administración autonómica a necesaria ampliación do polígono industrial do Pousadoiro. Coa colaboración iniciada con Zona Franca ábrese a posibilidade de poder levar a cabo este ansiado proxecto que permitiría impulsar a economía local e que tamén repercutiría na creación de emprego en toda a zona do Salnés.

Para elo, o primeiro paso a dar por parte do Concello será elaborar, a través do departamento de Urbanismo e en coordinación con Zona Franca, unha ordenación detallada da nova zona industrial, delimitando superficie, viais e servizos necesarios. Aproveitando que se está tramitando a aprobación do PXOM, a previsión da nova infraestrutura xa quedaría recollida no documento, de xeito que, un ha vez aprobado, Zona Franca se encargaría da execución do proxecto e da posterior xestión do polígono. Isto suporía unha segunda avantaxa, dado o poder catalizador e os contactos que o consorcio mantén con grandes empresas de ámbito nacional e internacional ás que ofertaría terreos en Vilagarcía para os seus proxectos de expansión en Galicia.