Ravella acometerá melloras nas rúas Bouza de Abaixo, Esperanza e Vicente Risco

Os traballos contrataranse coa subvención concedida pola Deputación a través do Plan Ágora, destinado á recuperación de espazos públicos dos municipio
Rúa Esperanza de Carril. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Rúa Esperanza de Carril. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Concello de Vilagarcía afrontará unha nova fase de humanizacións de cada un dos centros urbanos do municipio, atendendo ás necesidades das respectivas zonas e ás peticións veciñais existentes. Son a rúa Bouza de Abaixo en Vilaxoán, a rúa Esperanza en Carril e a rúa Vicente Risco en Vilagarcía.

A posta en marcha destas actuacións iniciarase coa redacción dos respectivos proxectos técnicos, traballos que se contratarán de forma inmediata e que se financiarán coa subvención obtida a través do Plan Ágora da Deputación, destinado á recuperación de espazos públicos, creacións de sendas peonís e/ou ciclables nos concellos adheridos á rede. Son 48.841 euros concedidos a través da liña dedicada a financiar a redacción de proxectos, e que cobren o 90% do custe total do gasto, polo que o Concello aportará os 5.426 euros restantes.

Como en todos os proxectos que encarga o goberno local, ademais de reordenar espazos, humanizar e mellorar a estética das rúas, as actuacións incluirán a renovacións dos servizos básicos, unha medida sempre beneficiosa e que, no caso concreto da rúa Bouza de Abaixo, é moi necesaria debido aos problemas que se están rexistrando pola antigüidade e as deficiencias detectadas nas redes de saneamento e de recollida de pluviais. Esta circunstancia provoca que o sistema colapse e desborde cando se dan episodios de chuvias especialmente intensas, creando graves molestias aos veciños.

Sen esta problemática, pero tamén coa petición de peonalización por parte de colectivos de Carril, actuarase na rúa Esperanza, dando cumprimento, ademais, a un dos compromisos do programa electoral de Alberto Varela.

A humanización de Vicente Risco tamén foi demandada en varias ocasións por residentes na zona, en especial despois das peonalizacións xa desenvoltas nas rúas da contorna (laterais da Praza de España, Arcebispo Andrade e Covadonga e ) e da reordenación do tráfico en torno a Alejandro Cerecedo. Por esta mesma razón, o proxecto estenderase tamén ao lateral da Praza de España que conecta con Doutor Tourón, un pequeno tramo que, unha vez peonalizada Vicente Risco, non sería operativa para a circulación de vehículos.