Moncosa executará a humanización e mellora do acceso principal a Trabanca Sardiñeira

O proxecto permitirá acondicionar os itinerarios peonís e cambiar a imaxe da rúa que parte de Rosalía de Castro e pasa baixo a vía do tren
Obras no saneamento da rúa Castro en Trabanca Sardiñeira Vilagarcía
photo_camera Obras no saneamento da rúa Castro en Trabanca Sardiñeira Vilagarcía

Ravella vén de adxudicar a obra de mellora e acondicionamento do acceso a Trabanca Sardiñeira por importe de 159.999 euros e un prazo de execución de cinco meses á empresa Moncosa. A actuación afectará ao tramo de vía que, partindo da avenida Rosalía de Castro, conecta coa rúa Nosa Señora dos Anxos pasando baixo a vía do tren, e consistirá no acondicionamento dos itinerarios peonís, que gañarán en accesibilidade, e no axardinamento do noiro que flanquea a calzada. Con esta obra o goberno local atende unha petición trasladada pola veciñanza do lugar. A obra está financiada grazas a unha subvención do Plan Concellos 2023.

O proxecto a executar no acceso a Trabanca Sardiñeira está claramente condicionado polas características deste tramo da calzada, que en poucos metros ten que salvar os 8 metros de diferenza de cota que existe entre a rúa Nosa Señora dos Anxos e a avenida Rosalía de Castro. Esta circunstancia dificulta a accesibilidade, especialmente a peonil, e afea a vía debido á barreira visual que supón o enorme ribado.

   

A solución adoptada polo redactor do proxecto, o arquitecto Iago Fernández Puentes, consiste en actuar no noiro, que se utilizará como base para habilitar novos accesos á urbanización en forma de escaleiras e ramplas, e tamén para crear zonas soleadas de descanso. Para isto realizaranse unha serie de bancadas construídas mediante muretes e malla galvanizada de aceiro. Estas estruturas darán sustento ás zonas de paso e estancia que, á súa vez, irán pavimentadas con formigón. As terrazas reencheranse de pedra granítica e as zonas verdes remataranse en terra vexetal sementada, de xeito que manteñan a permeabilidade e eviten a baixada das augas pluviais cara a beirarrúa e a calzada.

Tamén se habilitarán zonas de escaleiras cuxos chanzos se construirán en formigón armado coloreado e que irán convenientemente achaflanados e coas arestas pulidas. Dotaranse de pasamáns de aceiro cortén con iluminación incorporada. Por último, a intervención no noiro concluirá cunha actuación de acondicionamento das zonas verdes.