O Goberno local amplía o prazo de inscrición para o Concurso de Iniciativas Emprendedoras

Mantense aberto ata o 8 de novembro ▶ Establécense premios en metálico de 8.000, 5.000 e 3.000 euros para os tres mellores proxectos
O edificio do concello de Vilagarcía de Arousa. DS
photo_camera O edificio do concello de Vilagarcía de Arousa. DS

A Concellería de Promoción Económica decidiu ampliar ata o día 8 de novembro o prazo para inscribirse no Concurso de Iniciativas Emprendedoras do Concello de Vilagarcía. A medida pretende evitar que algún interesado quede fora da convocatoria, dando máis tempo para que formalicen as candidaturas. A inscrición debe realizarse a través da sede electrónica do Concello, trámite que deberá incluír unha memoria descritiva do proxecto. O certame ten como obxectivo fomentar o empredemento e axudar a poñer en marcha novas iniciativas de negocio que repercutan positivamente no emprego e na economía local.

O Concurso de Iniciativas Emprendedoras representa unha excelente oportunidade para aquelas persoas que teñen unha idea empresarial e queren poñela en práctica xa que, ademais dos premios en metálico que se ofrecen –está dotado con 18.000 euros-, dez proxectos recibirán formación e asesoramento individualizado durante tres meses para desenvolver con éxito os seus proxectos. O certame non se convocaba dende o ano 2020, coincidindo coa pandemia. Por esta razón, na edición deste ano, ademais de ideas empresariais de nova creación, tamén poderán participan proxectos postos en marcha nos últimos 24 meses.

Unha vez pechada a inscrición, un xurado composto por representantes do Concello e do sector empresarial da cidade seleccionarán as dez iniciativas finalistas. Para elo avaliarán aspectos como o seu potencial de creación de emprego e de impacto na economía local, a súa viabilidade económica e técnica, así como si contribúen á modernización de sectores tradicionais e si dan resposta aos retos medioambientais e os relativos ao cambio climático.

Os responsables dos proxectos seleccionados participarán en talleres formativos sobre a definición do modelo de negocio, viabilidade económica, validación de clientes, plans de márketing ou presentación de proxectos. Tamén participaran nun networking con empresarios de diferentes campos que lles exporán as súas experiencias en emprendeduría e lles darán consellos prácticos.

Rematada a formación, os aspirantes realizarán unha presentación pública dos seus proxectos empresariais. Será aí cando se elixan as tres mellores iniciativas. O primeiro clasificado recibirá 8.000 euros, o segundo 5.000 e o terceiro 3.000. Como requisito para cobrar os premios, no caso de que os negocios aínda non estean en funcionamento, disporán do prazo de seis meses para poñelos en marcha.