As festas de Vilagarcía terán controis de circulación e un Punto Violeta

O encontro coordinado por Maica Larriba centrouse no operativo de verán na cidade, na Festa da Auga e no Combate Naval 
Xuntanza no Concello de Vilagarcía. DS.
photo_camera Xuntanza no Concello de Vilagarcía. DS.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu esta mañá a Xunta Local de Seguridade en Vilagarcía de Arousa, xunto o alcalde da localidade, Alberto Varela. Tamén asistiu o comisario provincial da Policía Nacional en Pontevedra, Juan José Díaz, o coronel xefe da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, e outros responsables de Tráfico, da Policía Local e da seguridade municipal. O encontro centrouse no operativo de verán na cidade e na Festa da Auga, que terá lugar o 16 de agosto, e no Combate Naval, que se celebrará o día 19 do mesmo mes.

Esta reunión centrouse en promover e coordinar todas as medidas encamiñadas a garantir a seguridade na localidade durante o mes de agosto, xa que son as festas patronais de Vilagarcía e, como explicou Larriba "a cidade recibe a numerosos visitantes e, en especial, no desenvolvemento das dúas principais festas que acolle o municipio este mes". A Subdelegada revisou o operativo necesario para o bo desenvolvemento destas festas. 

As accións que se levarán a cabo por parte das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado pasan pola posta en marcha de controis de circulación e operativos especiais no acceso á localidade, e pola activación de controis de alcoholemia e drogas que sirvan de prevención para poder garantir a seguridade na estrada. A Policía Local e unha patrulla da Unidade de Policía Autonómica velarán por garantir o bo desenvolvemento das actividades festivas. Tamén se desprazará unha Unidade de Prevención e Reacción da Policía Nacional de Vigo, diversas ambulancias e un equipo sanitario de emerxencia que se situará na Praza da Peixería. 

Ademais, a subdelegada agredeceu a iniciativa do Concello para dispor dun Punto Violeta, un punto de información sobre como actuar ante calquera caso de violencia machista e se ofrecerá un servizo de atención integral ás vítimas e o seu enterno.